Arquitectura da antiga Grecia, libro interactivo

arquitectura_greciaElaborado na Universidade de Vigo. Dispoñible en castelán e inglés.

Unha nova xeración de libros de Historia da Arte concibida para os novos medios da era dixital. Así pode definirse Arquitectura da Antiga Grecia, o primeiro dunha serie de libros electrónicos interactivos para soportes Apple (iMacs e iPads) que ten parte do seu xermolo no campus de Ourense e que está a ter moi boa acollida no mundo educativo. Diana Vilas, docente da área de Arte da Universidade de Vigo nas facultades de Historia e Ciencias Empresariais e Turismo, é coautora deste volume xunto con Óscar Rodríguez, profesor de ensinanza secundaria no IES Illa de Ons de Bueu.

O libro foi deseñado por Imaxina novas tecnoloxías, unha editora en liña especializada na creación de material educativo dixital, e dende o pasado mes de novembro xa está dispoñible en castelán e inglés na tenda de textos educativos que Apple ten en máis de 50 países dentro da categoría de libros de texto ou iBooks Textbooks. Trátase dunha nova aposta con selo ourensán que combina á perfección contido, imaxe e interacción e dispón de importantes apoios visuais, información extra e un deseño limpo que facilita o acceso aos contidos.

Destacado en España e Estados Unidos
Para orgullo dos autores, Apple acaba de colocar esta primeira entrega entre os libros de texto máis destacados en España e Estados Unidos e incluso lle reservou un dos seus privilexiados espazos publicitarios na edición do Reino Unido. A combinación entre a calidade do texto e o material visual desta obra, que nas súas 98 páxinas coida os detalles nas reconstrucións en 3D, foi un dos motivos polos que foron invitados a participar na Bett Show 2015, a maior feira de educación e tecnoloxía que se celebra en Londres dende hai 30 anos e que abrirá as súas portas ao público o vindeiro día 21 de xaneiro.

Gran potencial didáctico
Vilas e Rodríguez adaptaron os contidos ás directrices norteamericanas que establece o AP Art History Curriculum Framework, dirixido especialmente a estudantado de 2º de Bacharelato e de acceso á universidade. Ademais da calidade do libro, a gran diversidade de actividades que proporciona a guía didáctica final “cunha ampla batería de actividades que promove a aprendizaxe autónoma é de gran utilidade tanto para o profesorado como para a autoavaliación dos propios alumnos e alumnas.

É un xeito doado e suxestivo de iniciar no estudio da Historia da Arte aos rapaces e rapazas empregando un código comunicativo máis próximo á súa realidade cotiá. “Cremos que esta obra pon en valor o potencial didáctico que nos ofrecen as novas tecnoloxías para adaptar os procedementos da narración visual a un discurso interactivo, con reconstrucións tridimensionais inéditas, combinacións únicas de planimetrías e alzados, para iniciarse na lectura da linguaxe arquitectónica como vocabulario formal e deseño de espazos significativos”, salientou Vilas.

Un libro interactivo de gran utilidade dentro e fóra das aulas co que os lectores descubrirán de xeito “sorprendente” o vocabulario das ordes arquitectónicas, criterios sintácticos e semánticos sobre a natureza e o valor da arquitectura ou a idea dun espazo ordeado como escenario das funcións sociais como ocorría na antiga Grecia.

Fonte: Noemí Rey / Universidade de Vigo

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*