‘Barthes filósofo’, de Luis García Soto, XIV Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

xurado_premio_ensaioO autor é escritor e profesor titular de Filosofía Moral na Universidade de Santiago de Compostela.

O xurado do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014 valorou especialmente que a obra faga unha reinterpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. García Soto interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo co lector/a.

O xurado, integrado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Cachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, concedeu o galardón por maioría.

Escritor, filósofo e tradutor
Luís García Soto (A Coruña, 1956) é licenciado en Dereito e licenciado e doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, en cuxa Facultade de Filosofía é, dede 1989, profesor titular de Filosofía Moral no Departamento de Lóxica e Filosofía Moral.

É autor en galego de “Outramente Barthes” (1988); “Aristóteles” (2003); “Paz, guerra e violencia (2003); “O felo ou” (2007); “O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios” (2008); “Os boteiros e…” (2011); “O labirinto da saudade” (2012), así como das obras colectivas “Europa: mito e razón” (2001); “A Coruña á luz das letras” (2008); e “Preludios para Miguel Anxo Fernán-Vello” (2011). No eido da tradución destacan os seus traballos “Nova enciclopedia de bioética” (2005) e “Dez teses sobre a ética de Alain Badiou” (2009).

Foi merecente dos galardóns Mellor libro do ano 2005 na XV edición dos premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, por “Nova enciclopedia de bioética” e do Carvalho Calero 2012, pola obra “O labirinto da saudade”.

Unha homenaxe ao galeguista Ramón Piñeiro
O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

Ao longo das trece edicións anteriores, fixéronse con el Basilio Lourenço Fondevila, pola obra “A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder”; Anxo A. Rei Ballesteros, por “Tempo e vinganza”; Xosé Luís Barreiro Rivas, “A terra quere pobo”; Teresa Moure, “Outro idioma é posible”; Rebeca Baceiredo, por “O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo”; Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero, por “Psicopatoloxía do retorno”; María López Sández, por “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”; Xosé Ramón Quintana Garrido, por “Un longo e tortuoso camiño”; Manuel Pérez Rúa, por “Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950”: Ramón Máiz, por “A arte do imposible”; Teresa Moure, “Queer-emos un mundo novo”; Xaime Subiela, por “Para que nos serve Galiza?”; e José María Durán Medraño, por “Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx”.

O Premio, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística –a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades– e mais pola Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, está dotado con 3.000 € e mais coa publicación da obra.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*