Mediación nas aulas, a mellor arma para que o alumnado aprenda a traballar en equipo

 A profesora María José Vázquez Figueiredo coordina o proxecto de innovación educativa
A profesora María José Vázquez Figueiredo coordina o proxecto de innovación educativa

Saber resolver un conflito dun xeito pacífico, achegar posturas e chegar a acordos que fagan posible unha maior implicación de todas as persoas participantes nun proxecto son competencias que poderían resultar moi valiosas ao alumnado no seu futuro profesional. Pero tamén na súa vida académica, á hora de facer fronte, por exemplo, aos problemas e discrepancias que poidan xurdir na realización de traballos en grupo. Problemas que poderían canalizarse a través da mediación, un método que lles “axudará a chegar por si mesmos a unha solución sen que a relación se vexa danada”, como apunta a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte María José Vázquez Figueiredo, responsable dun proxecto de innovación educativa que trata de fomentar no centro o uso da mediación como unha ferramenta para mellorar a calidade da docencia.

Os docentes Manuel Isorna, Miguel Cons e María José Pérez completan, xunto coa decana do centro, Francisca Fariña, o equipo encargado de desenvolver un dos oito proxectos de innovación educativa aprobados pola facultade para o presente curso. Segundo explica Vázquez Figueiredo, este traballo centrouse nunha primeira fase en coñecer, a través dun cuestionario, a percepción que tanto o alumnado como o profesorado do centro teñen do procedemento de mediación. A partires de aí, o seguinte paso será a definición dun plan de acción “encamiñado a utilizar a mediación como procedemento de resolución de conflitos, especialmente dos derivados do traballo en equipo”, que se recollería nun informe final no que, ademais dunha “descrición da situación”, fixaríanse unha serie de recomendacións, que serían expostas ao profesorado nun seminario a finais de curso.

Mediar e non arbitrar
A diferencia dun procedemento de arbitraxe, no que a resolución dun conflito é adoptada por unha persoa allea ás implicadas, a figura do mediador limita o seu labor “a axudar as partes a comunicarse para que elas, por si mesmas, cheguen a unha solución”. A este respecto, a responsable deste proxecto de innovación educativa incide en que este último procedemento “favorece a autonomía e a transferencia deste coñecemento a outras áreas da vida, tanto no ámbito persoal como no laboral”, mentres que a arbitraxe contribúe “a que as persoas sexan máis dependentes porque é unha terceira a que lles di o que teñen que facer”.

Nese senso, Vázquez Figueiredo sostén que á hora de resolver, por exemplo, as “discrepancias e problemas que xorden no traballo en equipo, unha das competencias xerais que deben desenvolver todos os universitarios”, o profesorado “acostuma máis a empregar a arbitraxe que a mediación, a pesar de que esta é moito máis pedagóxica”. De aí que este proxecto de innovación teña entre os seus obxectivos coñecer “que métodos de resolución de conflitos se están a empregar na facultade” actualmente, e ao mesmo tempo, achegar unha serie de propostas para fomentar a mediación, tendo en conta ademais “que o tratamento transversal da resolución pacífica de controversias” enmárcase dentro das liñas de actuación que o centro está a desenvolver co obxectivo de entrar a formar parte da Rede de Escolas Unesco.

Unha aprendizaxe útil o día de mañá
Como admite Vázquez Figueiredo, “o conflito e a controversia son procesos que xorden, de xeito natural, nas relacións humanas”. Por iso, o obxectivo final deste proxecto non é fomentar o uso da mediación por parte dos docentes, senón “impulsar a cultura da mediación no centro, tanto entre o profesorado como entre o alumnado”. Non en van, isto non só implicará “unha mellora na convivencia” e permitirá aos grupos de traballo alcanzar “un rendemento óptimo, pese a diversidade de puntos de vista e de formas de traballar”, senón que tamén permitirá aos estudantes “desenvolver unhas habilidades”. Neste senso, Vázquez Figueiredo incide en que a mediación ensinaralles a negociar e dotaraos “dunhas habilidades de comunicación e escoita activa” que lles resultarán moi útiles na súa traxectoria profesional, xa que “saber traballar en equipo e xestionar problemas interpersoais é algo fundamental no ámbito laboral”.

Fonte: Eduardo Muñiz / Universidade de Vigo

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*