Terceira edición de ‘No bico un cantar’ adicada a Ramón Cabanillas

no_bico_un_cantarAlumnado de entre 8 e 14 anos traballará textos do autor a través da música.

‘No bico un cantar’ ten como finalidade que os e as estudantes de conservatorios e centros oficiais de música de Galicia se familiaricen coa obra dun persoeiro insigne a través da música.

A figura escollida para esta edición é a de Ramón Cabanillas, un dos poetas máis relevantes da literatura galega. A convocatoria vai dirixida a rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos que cursan estudos nos conservatorios e centros oficiais de ensino musical de Galicia. Deste xeito, os que desexen participar terán a oportunidade de traballar sobre cinco textos do autor cambadés: os poemas Pregaria, Fala unha Laverca, Era un piniño novo, Aureana do Sil e Maio Longo. O resultado final poderá verse nun concerto que ofrecerán o vindeiro mes de xuño en Cambados, a vila natal de Cabanillas. Será a praza de Fefiñáns, en Cambados, a que acollerá o 5 de xuño esta homenaxe musicada a cargo do coro de voces do alumnado dos conservatorios e escolas de música municipais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, acompañados polo quinteto de metais Hercules Brass e dirixidos por Maximino Zumalave.

´No bico un cantar’ púxose en marcha por primeira vez no ano 2013 cunha homenaxe a Rosalía de Castro precisamente cando se cumprían 150 anos da publicación da súa obra máis emblemática, “Cantares Gallegos”. Naquela edición reuniuse un coro duns 500 nenos e nenas de toda Galicia que ofreceron un concerto na praza da Quintana, en Santiago. Xa o ano pasado a figura escollida foi a de Curros Enríquez, e a cifra total de participación das dúas edicións achégase a o milleiro de rapaces.

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*