Día Escolar pola Paz 2015

unidade_didactica_pazProgramación do Seminario Galego de Educación para a Paz.

O vindeiro 30 de Xaneiro, venres, celebramos o DÍA ESCOLAR POLA PAZ E A NONVIOLENCIA, no aniversario da morte de Gandhi, unha data institucionalizada xa nos colexios e institutos de Galicia, no que aproveitamos para traballar máis especificamente co alumnado distintos aspectos da cultura da paz axeitados ás idades diversas e con actividades de centro e de aula.

Como ven sendo habitual, o Seminario Galego de Educación para a Paz, aproveita esta ocasión para ofertar os seus materiais didácticos ós profesores e profesoras que desexen utilizalos. Na páxina web: www.sgep.org podedes atopar numerosas iniciativas, publicacións, audiovisuais, bibliografía, etc. nun amplo Catálogo que se pode baixar por impresora de balde.

Nesta ocasión o SGEP quere presentar unha Unidade Didáctica, a nº 5, das 6 que conforman o Libro de Texto de ETICA CÍVICA para 1º de ESO que sairá do prelo en breve, publicado polo Consorcio Editorial Galego e a Editorial Bahía Edicións, elaborado polo Seminario Galego de Educación para a Paz e da autoría do compañeiro Moisés Lozano Paz.

Descargar aquí a Unidade Didáctica

Premio Portapaz 2015
Por outro lado, o SGEP entregará novamente o premio Portapaz. Nesta ocasión, a entrega do Premio terá lugar no Centro Sociocultural Afundación en Santiago, ás 20:00 horas, o mesmo Día Escolar pola Paz, o 30 de Xaneiro, aniversario da morte de Gandhi. Pola mañán, ás 11:30, haberá tamén un acto público na Casa de Rosalía en Padrón, con nenos e nenas da comarca.

A Xunta Directiva do Seminario Galego de Educación para a Paz ven de acordar, por unanimidade, a concesión do PREMIO PORTAPAZ a D. Roberto Rivas, bombeiro de A Coruña, “… pola súa firmeza e coraxe cívica á hora de defender o dereito á vivenda, dereito recoñecido no Art. 25 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos e na propia Constitución, Art. 47, negándose a participar nun desafiuzamento inxusto, pacifica e democraticamente, nun acto de desobediencia civil que o honra, de enorme valor simbólico e porque, ademais, D. Roberto Rivas, bombeiro de profesión e vocación, está implicado, como tantas outras persoas, nos movementos sociais e nas organizacións da sociedade civil que defenden, desde a mobilización pacífica, a dignidade en tempos de agresión ós dereitos económicos, sociais e laborais da cidadanía”.

Previamente, este 26 de Xaneiro inaugurarase a Exposición Itinerante ARTEPAZ 2015, con 20 artistas, ás 18:30 horas, no Forum Metropolitano de A Coruña, coa participación de Federico Mayor Zaragoza.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*