Na procura de fendas a través das que cambiar o mundo

maria_mauvesinA profesora arxentina María Mauvesin impartiu un relatorio sobre a educación popular. Defendeu o dereito a soñar fronte ao fatalismo e remarcou que as utopías “son realizables”

A educación popular avoga pola humanización do ensino, pola relación horizontal entre docente e alumnado, por xerar vínculos e construír colectivamente o coñecemento. Seguindo estes preceptos, a conferencia que a profesora da Universidad Nacional de Córdoba, en Arxentina, impartiu este venres na Facultade de Filoloxía e Tradución, converteuse nunha dinámica de grupo sobre como a educación é unha das mellores bazas para “cambiar o mundo”. María Mauvesin é profesora do Departamento de Teatro e coordinadora de obradoiros de teatro social e foi convidada dentro das actividades do Máster en Artes Escénicas, que coordina a profesora Ana Luna. Explicou aos estudantes a bases da chamada educación popular, da que é un exemplo a Universidad Trashumante arxentina, que propón experiencias alternativas á educación clásica e formal a través de redes de traballo que fomenten a comunicación e o cambio. “Trátase de atopar fendas, fendas a través das que entrar a cambiar as cousas pouco a pouco, porque o cambio é posible e é colectivo”, destacou. O teatro é unha das disciplinas pola que aposta a educación popular, unha alternativa á formación maxistral “que axuda a que os estudantes se comuniquen e desaparezan os medos”. Precisamente, un dos eixos principais desta sesión grupal foi o escritor arxentino Eduardo Galeano, do que se leron varios textos do libro Patas arriba: Escuela del mundo al revés, en concreto, El derecho al delirio.

Unha utopía non é unha quimera

Os exemplos e vivencias dos asistentes serviron para facer unha reflexión sobre as posibilidades e vías para cambiar o status quo e fixérono partindo da idea do fatalismo, que introduciu a profesora Mauvesin. “Esa sensación de que non se pode facer nada para cambiar as cousas é parte do sistema capitalista, favorécelle, pero non é real, porque a historia faise entre todos, é cuestión de organización”, destacaba. Xunto cos asistentes debateu sobre ata que punto os individuos poden cambiar o sistema, máis aló das circunstancias conxunturais ata chegar a cambios estruturais. “A realidade non é unha cousa que é; é unha cousa que está, e polo tanto pode cambiarse”. Fronte a este inmobilismo e conformismo, que moitos dos asistentes perciben máis marcadamente en Europa e EEUU, a educación popular busca a vía da colaboración, de educación, a arte, da transformación, da construción colectiva. “Da utopía, ao fin, porque a utopía é algo realizable no aquí e no agora” e coincidiu cos participantes na necesidade de impedir que se confunda utopía con quimera.

Autor/a: M.del Río – Universidade de Vigo

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*