Deica o 29 de xaneiro seguen as visitas da escritora Elena Gallego Abad, autora da triloxía Dragal en que se basea o proxecto, aos 11 CPI e institutos participantes, duplicando case o número do curso pasado.
Os encontros coa escritora son unha das novidades con que conta o Proxecto Dragal este ano, pero non a única. Entre marzo e maio os centros de secundaria participantes recibirán a visita dun contacontos profesional que lle poñerá o ramo á actividade “detective de lendas”, coa que o alumnado se achegará á investigación arredor da Galicia máxica. Ademais, o wiki do proxecto, onde os estudantes realizan e comparten os seus traballos, renóvase este curso incorporando novas funcionalidades que o fan máis atractivo, áxil e eficaz.
O percorrido pecharase coa participación da escritora nunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos 11 centros educativos que participan no Proxecto Dragal.
Durante as visitas, a escritora é presentada no instituto polo coordinador ou coordinadora territorial dos equipos de dinamización da lingua galega, percorre o centro para apreciar o labor de ambientación ou dragalización realizado polo alumnado no primeiro trimestre e mantén un encontro cos estudantes no curso do cal comparte co alumnado as razóns que a levaron a abordar na triloxía Dragal a temática dos dragóns e analiza elementos da cultura galega en que esta está presente. Refírese tamén a autora ao labor de documentación previo á escrita das novelas en que se basea o proxecto.
Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO das catro provincias e 55 docentes participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.
Máis sobre o Proxecto Dragal
http://www.xunta.es/linguagalega/proxecto_dragal