Tres de cada dez menores de 14 anos sofren de exceso de peso.
A obesidade na infancia é un factor de risco para a idade adulta xa que un neno obeso ten un 80% de posibilidades de seguir séndoo aos 35 anos. Segundo un estudo realizado pola Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) con máis de 370.000 nenos de diferentes comunidades autónomas, o 33% dos menores de 14 anos presenta obesidade e sobrepeso. O exceso de peso durante a infancia é un factor de risco para a idade adulta, “xa que un neno obeso ten un 80% de posibilidades de seguir séndoo aos 35 anos”, explica a doutora Concha Sánchez Pina, coordinadora do 12º Curso de Actualización en Pediatría de AP.
Ao redor dun 5% de adolescentes sans do noso país presentan síndrome metabólico con obesidade abdominal, hipertensión, aumento de triglicéridos, aumento de azucre e descenso do colesterol unido a lipoproteinas de alta densidade. Por iso, os pediatras de AP reunidos neste curso quixeron prestar especial atención a esta nova síndrome.
Os profesionais inciden na idea de que o principal xeito de previr e tratar a estes pacientes é a intervención sobre os hábitos de vida e recomendan manter unha alimentación saudable, aumentar a actividade física e diminuír o sedentarismo. É importante concienciar a toda a familia da necesidade de seguir estas pautas xuntos e buscar logros pequenos e progresivos. Os pais deben dar exemplo. Ademais, fan fincapé na necesidade de actuar de xeito precoz.
A doutora Sánchez Pina recorda que “as dietas non son eficaces polo seu difícil cumprimento e a alta proporción de abandono das mesmas a medio ou longo prazo”.
Ante a dificultade da abordaxe da obesidade infantil, o doutor Pedro Gorrotxategi apunta que os pediatras deben ter un conxunto de actitudes, coñecementos e habilidades que faciliten ao profesional este labor. Por iso, desde a AEPap defenden o papel que xoga a entrevista motivacional do pediatra co neno e a súa familia na consulta. “Na formación profesional médica dedícase moito tempo a estudar a enfermidade pero pouco a estudar as motivacións dos nenos e nenas e as súas familias”, engade. Tendo isto en conta, no marco do curso celebrarase un taller para mostrar que “estas habilidades pódense adestrar e aprender”, aclara. Neste sentido, existen múltiples evidencias que demostran que a relación que se estableza co neno e a súa familia é fundamental para o tratamento da obesidade. Tamén os profesionais subliñan a idea de que é importante buscar acordos e obxectivos comúns entre pais e nenos.