Participa no Proxecto Ríos!

proxecto_riosAo tempo que se publica o Informe sobre o estado dos ríos galegos en 2014, Adega fai un novo chamamento á colaboración coa iniciativa.

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade.

Estas inspeccións realízanse como mínimo dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos que axudarán a cumplimentar as Follas de Inspección. Unha vez recibidas estas na sede do Proxecto, elaboraranse informes anuais cos datos subministrados por todos os/as participantes nas distintas campañas. Posteriormente os grupos que así o desexen poden participar no Programa de Adopción de Ríos, co que se fan responsábeis, nalgunha medida, de velar polo estado de aqueles treitos de río que escollan.

Informe sobre o estado dos ríos galegos 2014

O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partir das análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións realizadas, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante o ano 2014.

Existe en 2014 unha diminución acusada dos treitos en moi bo estado de saúde, sobre todo durante a campaña de outono (en 2013 foron o 40%) acadando so o 23%. Os treitos en estado bo se manteñen en valores parecidos aos anos 2012 e 2013. Porén, apréciase un lixeiro aumento dos ríos con saúde moderada e deficiente con respecto a 2013, que de media representaban o 10% – 20% do total dos treitos estudados. En 2014 esta porcentaxe aumenta ata o 15% – 20%. Os valores máis negativos se corresponden cos ríos Sil, Baa, Chanca, Mero e Limia en primavera; en outono os ríos con saúde deficiente foron o Sar, dous treitos do Lonia, do Limia e do Mero, e o río Saíñas.

Ningún dos treitos estudados amosou niveis malos de saúde en primavera. En outono, o río Sar despois do seu paso por Bertamiráns no concello de Ames, o río Lagar e dous treitos do río Mero ao seu paso por Cambre presentaron unha mala calidade ecolóxica.

Participantes

Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 299 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 53%, porcentaxe moi parecida anos anteriores: 52% en 2013 e 55% en 2012. En canto á participación por provincias, A Coruña (40%) é a que máis grupos aglutina seguida pola de Pontevedra (38%). Lugo é Ourense teñen unha participación máis discreta con porcentaxes do 13% e 9% respectivamente.

A bacía das Rías Baixas é a que aglutina a maior parte dos grupos participantes e na que máis inspeccións se realizan. Respecto a outros anos (2010-2013) apréciase un aumento na participación na conca do Arco Ártabro e un lixeiro ascenso na do Miño – Sil. A conca dos ríos que verten ao Cantábrico mantense en valores parecidos aos anos 2012 (4%) e 2013 (7%), cun 5% en 2014.

COMPARTIR

1 COMENTARIO

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*