‘Eu son Rosalía’

eu_son_RosaliaNa rede podedes ver xa un feixe de mostras baixo a etiqueta #EuSonRosalía: Marilar Aleixandre, Xurxo Souto, Xabier Díaz, Margarita Ledo… que responden á convocatoria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Na web da AELG podedes ver tamén todas as actividades que, organizadas pola propia asociación ou por outras entidades e colectivos, se celebran estes días en todo o país.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) promove desde 2010 a conmemoración o 24 de febreiro, aniversario do nacemento da autora, do Día de Rosalía de Castro, data na que esta entidade propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor.

Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo, tal e como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da web da AELG.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema “Eu son Rosalía” e convídase aos centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*