A partir de dúas horas de visionado a probabilidade de hipertensión xa se dispara nun 30%.
Desde hai anos a literatura científica asociou ver a televisión con sedentarismo e obesidade na mocidade. Agora, unha investigación liderada pola Universidade de Zaragoza (Unizar) e a de São Paulo (Brasil) revela a relación entre ese hábito e o maior risco de desenvolver hipertensión.
“O traballo mostra o número de novos casos de hipertensión e a conexión entre a actividade física e diversas condutas sedentarias co risco de tensión alta en nenos europeos”, explica a Sinc Augusto César F. de Moraes, investigador brasileiro que colabora co grupo da Unizar e autor principal do artigo.
Os científicos baseáronse en datos do estudo sobre a Identificación e prevención dos efectos inducidos na saúde da dieta e o estilo de vida en nenos (IDEFICS, polas súas siglas en inglés), recollidos durante dous anos en 5.221 nenos de 8 países europeos (España, Alemania, Hungría, Italia, Chipre, Estonia, Suecia e Bélxica), cuxa idade inicial foi de 2 a 10 anos.
Os resultados, publicados recentemente no International Journal of Cardiology, amosan que a incidencia acumulada de hipertensión nesta poboación durante os dous anos analizados é alta: 110 de cada 1.000. “A hipertensión pode provocar problemas cardiovasculares na idade adulta”, engade F. de Moraes. “Por exemplo, aumenta o risco de enfermidade isquémica do corazón”.
Os autores afirman que os nenos que se manteñen sedentarios máis de dúas horas ao día, diante da televisión, os computadores e as videoconsolas, corren un risco un 30% maior de desenvolver hipertensión. “As cifras resultan preocupantes, xa que as condutas sedentarias son habituais na infancia e, posteriormente, durante a idade adulta”, apunta.
Entre as enfermidades non transmisibles, a hipertensión ten unha alta incidencia en adultos. Diversos estudos demostraron que os niveis de presión arterial na infancia e a adolescencia impactan enormemente no desenvolvemento de hipertensión na idade adulta.
Máis dunha hora ao día de exercicio
Para loitar contra esta condición, os expertos recomendan que os nenos e nenas realicen actividade física durante máis de 60 minutos ao día, e aconsellan que as actividades sedentarias non superen as dúas horas diarias.
Así mesmo, os investigadores observaron que non realizar actividade física unha hora ao día aumenta o risco de hipertensión nun 50%. “A evidencia científica indica que a actividade física é un potente vasodilatador. Por iso, aumenta a taxa de osixenación do corazón e, á súa vez, diminúe a presión arterial”, conclúe F. de Moraes.
Referencia bibliográfica:
Augusto César Ferreira de Moraes, Heráclito Barbosa Carvalho, Alfonso Siani, Gianvincezo Barba, Toomas Veidebaum, Michael Tornaritis, Denes Molnar, Wolfgang Ahrens, NormanWirsik, Stefaan De Henauw, Staffan Mårild, Lauren Lissner, Kenn Konstabel, Yannis Pitsiladis, Luis A. Moreno. “Incidence of high blood pressure in children —Effects of physical activity and sedentary behaviors: The IDEFICS study. High blood pressure, lifestyle and children”. International Journal of Cardiology 180 (2015) 165–170
Fonte: SINC