“Recapacicla”: a polos 7R

recapaciclaProxecto educativo do IES de Tomiño.

O IES de Tomiño, na provincia de Pontevedra, é consciente da importancia que ten a protección do medio ambiente para camiñar cara a un mundo mellor. E por iso non dubidou en incluír a correcta xestión dos residuos urbanos entre as súas actividades de educación ambiental, que desenvolve en varias direccións co obxectivo de aportar o seu gran de area na sostibilidade da nosa terra, Galicia.

O seu proxecto “Recapacicla” eríxese así no máximo expoñente do esforzo que leva a cabo o conxunto da comunidade educativa do centro, e, máis específicamente, os alumnos de 2º de Ciclo Medio, que lograron converterse en auténticos embaixadores medioambientais, propoñéndose levar a cabo unha tarefa didáctica orientada aos seus profesores, compañeiros e ata familias. Son conscientes de que, sen a contribución de todos e cada un dos cidadáns, non resulta posible que os residuos deixen de ser un problema e se convertan realmente nunha oportunidade para o desenvolvemento.

Obxectivos e actividades

Con tal fin, os estudantes decidiron elaborar un programa educativo para o presente curso académico no que incluíron, como obxectivos globais, a sensibilización e concienciación da comunidade escolar ante o impacto dos desperdicios, aludindo ás medidas a implantar para minimizalo, así como a implicación conxunta na redución, a reutilización e a reciclaxe.

Fanse eco da regra dos 7R, é dicir, Reflexionar, Rexeitar, Reducir, Reutilizar, Reciclar, Redistribuir e Reclamar, chamando a atención sobre a necesidade de lograr o compromiso persoal dos membros da comunidade, á vez que pretenden diminuír a contaminación da auga a través da fabricación de xabón con aceite usado, minimizar a cantidade de papel consumido no centro e fomentar o seu máximo aproveitamento, e aprender a separar os refugallos para propiciar o seu posterior reciclado.

Entre as distintas accións que levaron a cabo no ámbito da concienciación, cabería destacar a proxección dunha serie de vídeos tales como “A historia das cousas”, no que se indaga como a obsesión pola acumulación de produtos está destruíndo o planeta e a nosa saúde, facéndose necesario un cambio.

A través das distintas actividades, os alumnos esforzáronse en divulgar as boas prácticas vinculadas á menor produción de desperdicios, pero tamén á máxima rendibilidade dos artigos, alongando a súa vida útil, e á correcta separación dos mesmos unha vez convertidos en residuos, utilizando para isto os diferentes contedores de recollida selectiva emprazados nas vías públicas.

Tamén fan un guiño á compostaxe doméstica e á conveniencia de que as vivendas unifamiliares transformen a materia orgánica xerada nun abono natural de alta calidade co que fertilizar as súas hortas e xardíns.

Fonte: Sogama

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*