Proxecto Apego para o fomento transmisión interxeracional da lingua galega

proxecto_ApegoOnce concellos colaboran nesta iniciativa de normalización lingüística para a implicación das familias na valoración positiva do galego.

O proxecto Apego busca implicar as familias na valoración positiva de termos lingua de noso. Para isto as diferentes fases do proxecto axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como lingua de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual.

No desenvolvemento deste programa de normalización lingüística están a traballar conxuntamente os concellos da Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Os doce representantes municipais asinaron esta semana un protocolo de colaboración para a organización conxunta e coordinada do programa “Apego” que se desenvolverá nos concellos asinantes.

De cara a cumprir estes obxectivos organizaranse coordinadamente accións dirixidas ao ámbito familiar, educativo (infantil), de conciliación e de ocio que procuren, para cada un deles sensibilizar sobre a importancia do legado lingüístico que recibimos e as responsabilidades na súa transmisión á vez que se reforzan os usos positivos de cara ao seu mantemento e incremento; aumentar o uso do galego no contexto familiar e social dos nenos e nenas nas primeiras idades e dar a coñecer os argumentos que recomendan o uso do galego coas crianzas e facilitar o acceso aos recursos, redes, materiais, servizos, etc. que resulten coherentes co obxectivo sinalado.

“Actos como este xeran sentimentos encontrados. Dunha banda é positivo que nos xuntemos para promocionar a transmisión do galego, mais de outra fica claro que un país que precisa convencer a pais e nais de falaren ás crianzas na lingua de seu ten un problema moi grave e fai falla enfrontármolo decididamente e sen panos quentes”, expresou o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira. “Para os galegos e galegas, o mantemento da nosa lingua contribúe a fortalecer un dos nosos máis poderosos sinais de identidade”, afirmou durante a mesma presentación o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, subliñando que “ter un idioma propio sitúanos no mundo en mellor posición”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*