O domingo 19 de abril, ADEGA realizará un novo roteiro “Cousa de Raíces” polo Sobreiral do Arnego para resaltar os valores deste e doutro tipo de bosques autóctonos.
O programa de roteiros “Cousa de Raíces” trata de poñer en valor as especies e formacións boscosas propias do noso territorio, dentro da campaña que leva o mesmo nome e na que participan máis de 50 colectivos e entidades con ese obxectivo común.
O roteiro será de 12 quilómetros de lonxitude e de dificultade media-baixa.
O punto de inicio do roteiro será a igrexa de Vilariño, aproximadamente a 2 kms da desviación da estrada Agolada-Lalín. No inicio da ruta teremos ocasión de coñecer a tradición relixiosa chamada “O Clamor”, rogativa coa que antano se pretendía una mellora nas condicións meteorolóxicas. Descendendo pola beira do río Arnego toparémonos con varios muíños e comprobaremos como van aparecendo cada vez máis sobreiras até chegar á “zarra da Pena”, onde se teñen levado a cabo diversas actuacións de “custodia do territorio”. Nesta zona a sobreira xa é a especie vexetal dominante. Despois de xantar na área recreativa “ Ponte Carmoega” a ruta continuará polas inmediacións do castro homónimo, coñecido tamén como a A Croa. Tras pasar preto do pazo de Barral, o roteiro rematará na taberna de Carmoega. Aproveitando o desprazamento Lugo-Agolada visitaremos o elemento arquitectónico máis singular deste concello: “Os Pendellos”. Trátase dunhas singulares construcións empregadas no pasado como recinto da feira.
Trátase dun espazo natural de gran valor paisaxístico e ambiental. Presenta unha superficie superior ás mil hectáreas e localízase nas beiras do curso medio-baixo do río Arnego (afluínte do río Ulla), principalmente ao longo do concello de Agolada, aínda que tamén se estende algo polos concellos limítrofes de Lalín e Vila de Cruces.
Trátase dunha área forestal que ten como especie dominante a sobreira (Quercus suber) que, sendo propia dun clima máis suave, logrou pervivir e prosperar no val do río Arnego gracias ás condicións climatolóxicas de cariz mediterráneo que presenta este enclave. Convivindo coas sobreiras medran tamén carballos, castiñeiros e, nas zonas máis próximas ao río, destacan os sanguiños, freixos, ameneiros, bidueiras, etc. No sotobosque hai especies mixtas atlántico-mediterráneas, como o trobisco e unha gran variedade de queiroas. En canto á fauna son salientables o mexillón de río, lontra, falcón peregrino, porco bravo, etc. Periodicamente as sobreiras son sometidas ao aproveitamento da súa cortiza.
A peculiaridade deste paraíso natural fixo que se adoptasen medidas para a súa protección, estando incluído na Rede Natura como ZEC. Tamén é destacable o traballo desenvolvido pola chamada rede de custodia do territorio Ulloa-Arnego.