Os efectos nocivos de contaminantes atmosféricos desaparecen en cativos alimentados con leite materno

A investigadora Aitana Lertxundi / UPV/EHU
A investigadora Aitana Lertxundi / UPV/EHU

A investigadora Aitana Lertxundi da Universidade do País Vasco (UPV), autora principal do estudo publicado en Environment International, ten o obxectivo de avaliar como afecta á saúde a exposición durante o embarazo á contaminación ambiental, así como o papel da dieta no desenvolvemento físico e neuro-conductal na infancia.

O estudo de Lertxundi, dentro do marco do programa INma (Infancia e Medio ambiente) dirixido por Jesús Ibarluzea do departamento de Sanidade do Goberno Vasco, céntrase na repercusión que teñen a exposición aos contaminantes atmosféricos PM2.5 e NO2 no desenvolvemento motor e mental nos primeiros anos de vida.

Por primeira vez realizouse unha avaliación tan sostida no tempo, comezou o 2006, significativa e recente sobre a incidencia das partículas contaminantes (PM2.5) no desenvolvemento da capacidade motora e do dióxido de nitróxeno (NO2) no desenvolvemento mental desde a fase prenatal ata que os 15 meses do bebé. “Na fase fetal, o sistema nervioso central estase formando e carece dos suficientes mecanismos de detoxificación, para eliminar as toxinas que se acumulan”, apunta Lertxundi.

Partículas do aire no desenvolvemento motor do bebé

As partículas PM2.5 miden menos de 2.5 micras, é dicir, son catro veces máis delgadas que un cabelo e están en suspensión no aire. Ao ser tan pequenas penetran con facilidade no corpo, e ao pesar tan pouco expándense sen dificultade polo aire e afástanse desde o foco inicial de emisión.

A composición destas partículas neurotóxicas depende das fontes de emisión da zona. A área de estudo INMA Gipuzkoa presenta unha elevada presenza de partículas neurotóxicas formadas por chumbo, arsénico e manganeso procedentes da actividade industrial e o tráfico. En comparación con medios urbanos onde a fonte principal de contaminación é o tráfico esa concentración é menor.

O traballo permitiu detectar a relación inversa entre a exposición ás partículas contaminantes e o desenvolvemento motor dos bebés. Neste sentido, a investigadora destaca que “os índices mostran unha alteración fronte á xeneralidade e, aínda que non son preocupantes, si son significativos ao mostrar a relación que existe entre a calidade do aire e desenvolvemento motor”. A análise dos datos tamén mostra que nin as partículas PM2.5 nin o NO2 teñen un efecto nocivo naqueles bebés aleitados con leite materna polo menos durante catro meses.

O estudo de seguimento comezou en 2006, cando as nais estaban embarazadas e continúa na actualidade, cando as nenas e nenos teñen xa oito anos. Ata agora analizaron as mostras tomadas a 638 mulleres embarazadas e a seus bebés cando tiñan 15 meses de vida. Son habitantes dos vales do Goierri-Alto e Medio Urola, zona de Guipúscoa onde se entremesturan a actividade industrial (11 industrias siderometalúrxicas), a actividade rural, zonas residenciais e o paso da estrada Nacional.

Referencia bibliográfica:

Aitana Lertxundi, Michela Baccini, Nerea Lertxundi, Eduardo Fano, Aritz Aranbarri, Maria Dolores Martínez, Mikel Ayerdi, Jon Álvarez, Loreto Santa-Marina, Miren Dorronsoro, Jesus Ibarluze. “Exposure to fine particle matter, nitrogen dioxide and benzene during pregnancy and cognitive and psychomotor developments in children at 15 months of age” Environment International (2015) http://dx.doi.org/10.1016/j.envint.2015.03.007

Fonte: SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*