Iniciativa de dinamización lingüística destinada á primeira infancia. Colaboran unha ducia de concellos.
Apego vai dirixido ás familias que se están a preparar para a chegada dun novo membro e tamén ás que teñen nenos e nenas ata 6 anos. A iniciativa quere axudar á socialización en galego e propoñervos o uso da lingua galega para crear vínculos coa familia. O obxectivo principal é o de implicar ás familias na valoración positiva da lingua propia para, así, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.
O proxecto foi desenvolvido cooperativamente por doce concellos galegos a través dos seus Servizos de Normalización Lingüística. Forman parte do proxecto “Apego” Carballo, A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo, que asinaron o convenio para poñer en marcha o proxecto o pasado 23 de marzo. Os concellos fornecerán as familias de materiais diversos, recursos e accións para axudarlles á crianza e para tecer redes de colaboración mutua.
A imaxe da campaña é un polbo que, ademais, é unha “mantiña-apego” que, xunto con outros materiais, daráselles a todos os bebés que nazan nos concellos participantes a través dunha caixa de benvida para que os acompañe durante os seus primeiros meses e anos de vida. Unha vez que naza o bebé, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco, unha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos que van de María Fumaça a Mamá Cabra, Uxía, e Pablo Díaz entre outros.
“A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubrir o mundo. Únete a nós no Apego, porque cremos no noso futuro”, expoñen os promotores da iniciativa.
Toda a información na web do proxecto, Apego.gal
A chegada dun novo membro á familia é un momento de cambios; pode ser un bo momento para tentalo co galego. Non importa que nos sintamos raros ao principio falándolle galego ao bebé, porque todo cambio produce estrañeza; tamén os cambios no uso das linguas. Pouco a pouco o uso irase facendo moito máis fluído e, a cambio, os nosos fillos e as nosas fillas nunca terán que pasar pola estraña situación de dubidar da súa lingua. A transmisión de nais e pais a fillos e fillas é chave para o futuro de calquera lingua.