Avanza a investigación sobre robots como ferramenta terapéutica en menores

robot-terapeutaDesenvolven un proxecto robótico como axuda para a rehabilitación motriz para nenos e nenas.

Investigadores da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) deseñan en consorcio con outras institucións unha nova ferramenta terapéutica de rehabilitación motriz para nenos na que un robot terapeuta social, interactivo e totalmente autónomo é capaz de percibir as reaccións do paciente e determinar se fai correctamente os seus exercicios.

Este avance, realizado no marco do proxecto científico Therapist, propón un método terapéutico dinamizado por un robot que parece un xoguete para evitar así que a desmotivación impida a recuperación dos menores. Máis dun cento de nenos e nenas xa avaliaron as capacidades sociais do robot, e algúns nenos con problemas motrices probaron esta terapia. Tanto eles como os seus pais e nais e o persoal médico que os atende sinalaron que é unha dinámica máis divertida e atractiva e que o robot é unha excelente ferramenta para mellorar a adhesión ao tratamento de rehabilitación e a súa avaliación, segundo se recolle no artigo publicado recentemente na Revista Iberoamericana de Automática e Informática Industrial sobre este avance.

Neste proceso de investigación, no que participan a UC3M, a Universidad de Málaga, a Universidad de Extremadura e o Hospital Universitario Virgen del Rocío de Sevilla, conseguiuse converter o robot humanoide NAVE, de 58 centímetros de alto e pouco máis de catro quilos de peso, nunha especie de terapeuta persoal. Así o asegura o responsable do proxecto dentro do grupo de investigación en Planificación e Aprendizaxe (PLG) do departamento de Informática da UC3M, Fernando Fernández Rebollo, quen explica que a idea é crear “un robot que non pareza un robot, que dea a sensación ao neno de que está vivo, e que interactúa socialmente con el”. O obxectivo adicional do proxecto é colaborar cos servizos médicos de rehabilitación dos hospitais na definición de terapias nas que esta ferramenta teña cabida. En ningún momento do proceso existe contacto físico entre o robot e o neno nin risco para o menor; aseguran os científicos.

Vantaxes do sistema

“O principal beneficio é que os nenos ven o robot como un amigo, gústalles xogar con el e desinhibense”, asegura un dos investigadores do grupo PLG José Carlos Pulido. Así o viviron pacientes do área de pediatría do Hospital Universitario Virgen del Rocío, que responderon afirmativamente ao ‘Queres xogar comigo’? co que este terapeuta robótico comeza as sesións. Tras esta cuestión, o robot indica os exercicios de rehabilitación (secuencia de posturas que o neno debe imitar) e reprodúceos grazas ao seu corpo articulado. No caso de que o neno non realice as posturas de forma correcta, o robot indícallo de forma visual, mediante a cor dos seus ollos, e grazas á súa voz e á súa expresión corporal, móstralle como facelo.

O traballo da UC3M está centrado na planificación de tarefas e a aprendizaxe automática, algo que permite “darlle ao robot a capacidade de decidir que accións quere executar en cada momento”, explica Fernández Rebollo, así como “adaptarse ás características do paciente e a sesión de rehabilitación que se está executando”. Tamén sinala que esta “arquitectura de control”, denominada Robocog, pode aplicarse a outros robots terapeutas como Ursus, no que actualmente está traballando a Universidad de Extremadura dentro deste consorcio. Ademais, estes fisioterapeutas robóticos afinarán o seu comportamento grazas aos algoritmos que está investigando a Universidade de Málaga que, como sinala outro dos investigadores do PLG da UC3M que traballa neste proxecto, José Carlos González, permiten recoñecer grazas a unha cámara os xestos do neno e determinar cando está sorrindo, cando se enfada ou cando lle está custando facer o exercicio.

Este terapeuta robótico poderá ser unha realidade na medicina española e ata podería dinamizar dentro duns anos os procesos de rehabilitación de nenos con patoloxías como a parálise cerebral. Polo momento, os investigadores sinalan que fai falta definir as métricas para avaliar correctamente o grao de éxito da nova terapia de rehabilitación e o grao de interacción co paciente ao que pode chegar este robot fisioterapeuta, así como cal pode ser a súa achega na avaliación e monitorización das terapias.

O proxecto Therapist foi realizado parcialmente grazas ao apoio do Ministerio de Economía y Competitividad (MINECO) e fondos FEDER baixo o proxecto coordinado TIN2012-38079, no que participan as Universidades de Extremadura, Málaga e Carlos III de Madrid, así como o Hospital Universitario Virgel del Rocío de Sevilla.

Referencia bibliográfica:

L.V. Calderita, P. Bustos, C. Suárez Mejías, F. Fernández, R. Viciana, A. Bandera. Asistente Robótico Socialmente Interactivo para Terapias de Rehabilitación Motriz con Pacientes de Pediatría en Revista Iberoamericana de Automática e Informática Industrial 12 (2015) 99–110.
Video: https://youtu.be/FBNXp2oDmYQ
URI: http://hdl.handle.net/10016/20483

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*