Premios escolares ‘Recíclate con Sogama’

reciclate-con-sogamaA convocatoria, aberta aos trece centros participantes este ano, finaliza o 15 de xuño.

O obxectivo deste certame non é outro que recoñecer e gratificar o traballo que profesores e alumnos están a desenvolver nas aulas a través de distintos proxectos vinculados a esta iniciativa e que, en todo caso, teñen un denominador común: fomentar a correcta separación do lixo producido nas escolas, depositando cada fracción nos contedores subministrados por Sogama en cada centro (amarelo, para os envases de plástico, as latas e os briks; azul, para o papel e cartón; e verde convencional, para a parte non reciclable).

Establécense tres premios dotados con vales de 500, 300 e 150 euros canxeables por material escolar, contemplando igualmente accésits cos que se pretende enxalzar o labor daqueles colexios que, sen ser gañadores, tiveran destacado pola realización dalgunha acción concreta que contribúa a alcanzar os obxectivos do programa.

Ademais de todo isto, o profesor coordinador en cada centro participante, así como os docentes que colaboren activamente no proxecto, recibirán a correspondente certificación do premio de innovación educativa.

As memorias coas que os centros interesados deberán acompañar a súa proposta deberán ser presentadas, a través da plataforma de xestión do Plan Proxecta, antes do próximo 15 de xuño.

A avaliación

Entre os criterios que se terán en conta para examinar as candidaturas, cabería destacar o cumprimento, por parte dos centros, dos obxectivos e liñas estratéxicas do Plan Proxecta, cuxo cometido non é outro que promover a educación en valores. Este concepto aglutinará a metade da puntuación total.

O 50 por cento restante atenderá á calidade do material seleccionado pola comunidade educativa nos contedores habilitados por Sogama en cada colexio e que conforman as denominadas illas de reciclaxe. Os datos serán extraídos pola empresa a partir das caracterizacións pertinentes. A menor número de impropios (residuos incorrectamente depositados nos recipientes), maior calidade. Este apartado computará cun 30 por cento.

Tamén se terá en conta, cun 20 por cento, o desenvolvemento de actividades nas que se impliquen ás familias do alumnado nun intento de trasladar ás mesmas as boas prácticas ambientais instauradas na escola, así como o deseño de fórmulas coas que facer partícipe desta iniciativa aos concellos, buscando a súa colaboración e implicación.

A convocatoria, promovida conxuntamente pola Sociedade Galega do Medio Ambiente e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xa foi remitida aos 13 centros de ESO participantes. A avaliación das mesmas correrá a cargo dun xurado presidido polo máximo responsable de Sogama, Javier Domínguez Lino, e no que actuará como vicepresidente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*