Xornada de Voluntariado e Feira de Primavera

adega-eira-da-xoanaActividades de Adega para a vindeira fin de semana. O sábado 6 en Porto do Son e o domingo 7 en Ramil.

Adega convoca unha actividade de voluntariado ambiental, que se celebrará o sábado 6 de xuño. A xornada realizarase nun lugar de importante valor ecolóxico como son as Lagoas de Xuño e Muro (Porto do Son) que forman parte do LIC Complexo Húmido de Corrubedo. Adega asinou en 2012 un acordo de custodia do territorio (custodia litoral) co concello de Porto do Son para a realización desta e outras actividades no concello que axudarán a conservación e posta en valor dos seus espazos naturais costeiros.

A introdución de especies exóticas invasoras é, despois da destrución de hábitats, a ameaza máis importante na perda de biodiversidade e unha das principais causas de extinción de especies autóctonas. Adega leva anos traballando nesta temática, é por iso que unha vez máis organiza esta xornada dando á cidadanía a oportunidade de actuar con iniciativas coma esta de custodia litoral. As prazas son limitadas polo que é preciso inscribirse enviando a ficha de inscrición que pode descargarse na web de Adega.

Feira de primavera da Eira da Xoana

Nesta xornada o domingo 7 de xuño celebraremos a VII edición das Feiras na Eira da Xoana, na que participarán diferentes agricultores/as e artesáns/ás con produtos moi variados: iogures, queixos, marmeladas, hortalizas, verduras, plantas, produtos de hixiene e cosmética natural, artesanía variada…Na leira da Eira da Xoana o domingo día 7 de xuño dende as 11.30 ata 19.00 ou 20.00 horas.

Haberá bebidas e xantar por unha achega solidaria: polbo, callos… e animación musical e diferentes actividades. Se te animas a participar na feira con algunha actuación musical ou con outras propostas, ou se es produtor/a ou artesán/á e queres colocar o teu posto na feira, podes descargar información na web de Adega.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*