O debate dos libros de texto: un cambio de coordenadas

nova-escola-galegaAchegámosvos a reflexión elaborada polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega:

Nova Escola Galega vén demandando un debate ao redor dos libros de texto, que está moi lonxe de se producir na actualidade, nos termos para nós desexables.

A gratuidade da educación básica e obrigatoria recollida na lei enfróntase a unha realidade na que o material escolar, o transporte, os comedores…, por citarmos só algúns dos exemplos máis polémicos desde que comezaron os recortes no ámbito educativo, supoñen un gasto considerable para a maioría das familias con fillas e fillos en idade escolar.

Ao debate económico sobre como salvagardar o principio de equidade no sistema educativo —duramente golpeado como consecuencia dos recortes en educación e o aumento das desigualdades sociais— súmaselle na actualidade, no caso dos libros de texto, a polémica sobre a xestión do chamado “fondo solidario”, a insuficiencia das axudas económicas e a renovación duns manuais de texto adaptados a unha lei ideoloxicamente retrógrada —LOMCE— da que se agarda a súa pronta derrogación.

Xa no Nova Escola Galega Opina de setembro de 2005 (De libros de texto e gratuidades), coa implantación da gratuidade universal, e no número correspondente a outubro do 2009 (Un comezo de curso “sen problemas”, no apartado dedicado aos libros de texto), desde NEG analizamos os perigos que, ao noso entender, entraña a posición absolutamente hexemónica que teñen os libros de texto entre os materiais curriculares: “fomento de prácticas pasivas, restrición e uniformización dos currículos, ignorancia da realidade máis próxima, sexismo, escasa atención á diversidade sociocultural, fomento de estereotipos…” Lonxe de agardarmos melloras unha década despois, a aplicación xeneralizada da LOMCE fai prever uns manuais que afonden nestes erros, o que fai máis cuestionable se cabe a primacía dos mesmos sobre outros “materiais curriculares imprescindibles nos centros escolares: a prensa, as bibliotecas, a internet ou os materiais elaborados polo profesorado…” Nova Escola Galega segue a crer na necesidade de velar pola elaboración e selección de recursos que nos permitan buscar contextos de aprendizaxe máis enriquecedores e significativos para o alumnado, o que sen dúbida pasa pola necesidade de ofrecerlle ao profesorado tempos, espazos e formación para que poida elaborar ou adaptar materiais. Asemade, cumpriría que a administración educativa asumise a difusión de materiais curriculares innovadores, recoñecendo e valorizando as experiencias pedagóxicas desde as que se deseñan e desenvolven.

Desde NEG consideramos que, de redimensionar axeitadamente o papel que os libros de texto teñen na práctica educativa, grande parte da polémica actual sobre os mesmos non tería lugar, ademais de liberárense partidas económicas que permitisen aos centros xestionar directamente a adquisición e elaboración de materias curriculares adaptados ao seu proxecto educativo.

Nesta liña profundamente reorientadora convén subliñar unha vez máis que, ao noso parecer, a produción editorial vén tendo a dirección que ten por mor de non estaren sentadas as bases para a edición de libros máis acordes co que deben ser uns materiais curriculares de calidade. Xaora, cumpriría resituar as relacións con este sector para que non sexa o mercado o que condicione a educación, senón a educación a que oriente o sector editorial.

Porén, a pesar de considerarmos que “os marcos” do debate non son os axeitados, non queremos deixar de denunciar aquelas cuestións que inciden negativamente neste asunto e tamén noutros aspectos da realidade educativa:

—Resulta absolutamente irresponsable manter contra vento e marea a implantación dunha lei educativa que ten os días contados… Como irresponsable foi a súa aprobación con toda a comunidade educativa en contra. A ameaza por parte das editoriais de demandaren indemnizacións polos 200 millóns de euros investidos nos novos manuais, de se derrogar a LOMCE, é só un exemplo do custo económico que, sen dúbida, tamén ten.

—A xestión do “fondo solidario” e das axudas para libros de texto por parte dos centros educativos supón unha sobrecarga de traballo para uns equipos directivos xa sobrecargados nestes momentos pola tardía planificación do próximo curso escolar, ao entrar a LOMCE en vigor en novos niveis educativos. Resulta inaudito que a Consellería de Educación non tomase en consideración a opinión e a experiencia das ANPAS que botaron a andar os “bancos de libros de texto” antes de publicar unha orde que complica o seu traballo e na práctica obriga a centros e asociacións a enfrontar todo tipo de situacións coas familias, exercendo presión sobre o conxunto da comunidade educativa ao teren que tomar decisións que non son do ámbito da súa competencia.

—A Orde pola que se convocan axudas para a adquisición de libros de texto deixa fóra outro material educativo imprescindible para o alumnado, ademais de estar dotada economicamente de xeito insuficiente para garantir minimamente a igualdade de oportunidades no acceso á educación.

O propio presidente da Xunta pretendeu quitarlle ferro á polémica, levando o debate a un contexto futuro no que o importante serán “os contidos en formato dixital”, anunciando paralelamente como medida de choque inmediata “un cheque escolar de 40 ou 50 euros para aquelas familias de salarios moderados”. Para Nova Escola Galega non son estes os termos do debate, nin os parámetros para a súa solución. Se realmente se quere acadar a gratuidade para o ensino obrigatorio, resulta imprescindible sentar nunha mesa todos os sectores implicados neste ámbito e adoptar as medidas e estratexias máis convenientes para conseguir un ensino de calidade, gratuíto e compensatorio das desigualdades.

Nova Escola Galega. Xuño 2015

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*