Entregados os galardóns da edición 2014-2015.
A Sociedade Galega do Medio Ambiente procede á entrega de premios aos colexios ganadores do concurso enmarcado no programa educativo “Recíclate con Sogama 2014-2015”, e no que se avaliaron as actividades desenvolvidas por 13 centros de ESO de distintos puntos de Galicia nos que a empresa implantou o sistema de recollida selectiva de cara a propiciar o reciclado da maior parte dos refugallos producidos nos mesmos.
A iniciativa enmárcase no Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que persegue a educación en valores, e está promovida por Sogama e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O centro gañador por excelencia foi o IES A Cachada de Boiro (A Coruña), co seu proxecto “Reduciclando”. En segundo lugar situouse o IES Pedra da Aguia de Camariñas (A Coruña), coa iniciativa “Separamos reciclando”, correspondendo a terceira posición ao IES As Bizocas de O Grove (Pontevedra), co traballo “Concurso vs tres erres”.
Mentres que o primeiro clasificado será gratificado cun vale canxeable por material escolar por valor de 500 euros, o segundo farase cun de 300 euros e o terceiro, cun de 150 euros.
Pero, máis aló dos tres galardoados, o xurado, presidido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e integrado por representantes desta Sociedade pública e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa), tamén quixo recoñecer, a través da concesión de accésits, a aqueles colexios que, sen ser gañadores, tiveran destacado polo seu labor medioambiental. É o caso do CPI Curros Enríguez de Pazos de Borbén (Pontevedra), co proxecto “Ecoescola Rural”, o CPR Plurilingüe Divina Pastora de Ourense, con “Recíclate con Sogama ”, e o CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción de Sarria (Lugo), co traballo “Sogama”.
Obxectivo: a xestión sostible dos residuos urbanos
O programa “Recíclate con Sogama”, que próximamente abordará a súa cuarta edición, coincidindo co inicio do curso académico 2015-2016, pretende fomentar a selección de residuos nos propios centros como hábito cotiá co que contribuír á protección e mellora do medio ambiente, facéndoo estensivo ao ámbito familiar e social do alumnado.
Co obxectivo de garantir o correcto desenvolvemento da iniciativa, Sogama proporcionou a cada centro unha illa de reciclaxe, conformada á súa vez por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un, destinados a recoller os envases de plástico, as latas e os briks (amarelo), papel/cartón (azul) e fracción resto (verde). A maiores, tamén subministrou composteiros aos colexios que contaban con servizo de comedor escolar, posibilitando con isto a fabricación de abono natural a partir da materia orgánica e que a comunidade educativa vén utilizando nos xardíns e hortas habilitados nos propios recintos escolares.
Ademais, e co obxectivo de facer máis cómoda a selección de refugallos nas propias aulas, entregou a cada centro varios lotes de bolsas de cores (reutilizables e con capacidade para 20 litros cada unha) a fin de que escolares e profesores puidesen separar en orixe as distintas fraccións que conforman o lixo.
Pero, máis aló dos medios materiais, a entidade proporcionou a cada colexio os medios didácticos e divulgativos necesarios (folletos, carteis, presentacións, etc) para que o alumnado coñecese con maior nitidez a problemática que a día de hoxe representa a elevada xeración de desperdicios, que facer para mitigala e como colaborar no sistema a través da aplicación práctica do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).