Profesorado coruñés coordinará un proxecto europeo para a prevención do abandono escolar

No marco do Programa Erasmus+ 2015

O Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, pertencente á rede de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acaba de ser seleccionado para coordinar un proxecto europeo para a prevención do abandono educativo temperá no marco do Programa Erasmus+ 2015. Serán socios do CFR coruñés no desenvolvemento do proxecto o Europa Büro, StadtschulratfürWien (Austria), o UBK-Utbildningskontoret (Suecia)- estes 2 últimos, tamén centros públicos dedicados á formación do profesorado- e a empresa austríaca BlickpunktIdentität, ONG para a investigación educativa.

Baixo o nome de “AllAboard”, a iniciativa abordará este problema enfocando as accións cara ao desenvolvemento de estratexias e ferramentas que faciliten ao profesorado europeo a prevención do abandono escolar, así como a detección de alumnado en risco do mesmo. As actividades previstas realizaranse ao longo de dous anos e contan cunha subvención europea de 157.660,00 €.

Os resultados difundiranse mediante a creación dunha plataforma online e a través das redes sociais e pretenden incluír unha guía de detección de abandono potencial e un curso en liña para profesorado, con estratexias de prevención na aula e a definición de estándares cualitativos de competencia profesional.

Como colofón, está previsto celebrar unha conferencia internacional na Coruña, na que, xunto coa comunicación dos resultados obtidos, interveña tanto profesorado galego como do resto de países participantes, presentando prácticas innovadoras e experiencias de aula.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*