Segue a xira ‘Os Bolechas na máquina do tempo’

bolechas_sabichonBraulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, e Tatá, na compaña do seu fiel canciño Chispa.

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista, dirixido -especialmente- á cativada de 4 a 8 anos de idade, pero que supón unha boa dose de entretemento en galego para toda a familia.

Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, e Tatá -na compaña do seu fiel canciño Chispa- compoñen a familia animada máis coñecida de Galicia e son un referente positivo galegofalante para a xente miúda da casa. Desta volta, baten cun obxecto creado por un científico do máis particular: o Doutor Apolodoro. Ese aparello é a abraiante máquina do tempo, que fará que Carlos e Pili viaxen pola historia ata o futuro e se convirtan en adultos. Para regresaren á infancia seralles imprescindible a axuda do público presente.

O calendario completo da actividade pódese consultar no web www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia, e ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo; nela, os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e gozaren de xogos e sorteos. Así mesmo, os asistentes ao espectáculo terán acceso en exclusiva a unha palabra chave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e accederen a dous lotes de libros dos Bolechas no caso de resultaren premiados.

Cómpre lembrar que Os Bolechas falan sempre na nosa lingua: nos libros, nos programas de televisión e nos espectáculos. Con isto quérese potenciar a identificación dos nenos e nenas asistentes cos protagonistas da montaxe

As seguintes paradas da actividade ‘Os Bolechas na máquina do tempo’ serán, ata finais de outubro, as localidades de Ribeira, Lousame, Negreira, Cerceda, Santa Comba, Ponteceso, Ribadavia, Celanova, Barbadás, Cerdedo, Aranga, Abegondo, Noia, Mos, Moraña, Marín e Ponteareas. Con elas, Os Bolechas completarán a xira que desde o mes de marzo os está a levar a 40 concellos galegos.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*