Primeiros Auxilios: Podemos e debemos, pero… sabemos?

cativos3Todos somos conscientes, ou debemos selo, do noso deber á hora de auxiliar e atender a outra persoa cando está nunha situación de enfermidade ou accidente. Sexa adulto ou neno. Sexa o noso fillo, o noso veciño, o noso paciente ou o noso alumno.

A experiencia como proxenitores e como profesores que están en contacto diario con nenos, seguro que nos fixo aprender a atender determinadas situacións. A maioría das veces faise de marabilla. Pero quizais alguén, profesional da infancia, pai ou outro coidador, preguntouse algunha vez se debía actuar dunha determinada forma ou se podía telo feito mellor.

Podemos facelo mellor, seguro! Debemos facelo todo o ben que poidamos! E para saber facelo mellor e resolver as nosas dúbidas, aquí van algúns consellos que nos poden servir a todos.

Son tantas as situacións que podemos atoparnos, que… dunha en unha, por favor.

Empecemos por algunha das máis frecuentes. Por exemplo:

Que facemos ante unha caída no colexio ou na rúa na que un neno se deu un golpe na cabeza? O típico ‘chichón’/croque ou algo máis?

Hai que saír correndo?

COMO ACTUAR?

Non, non todo croque precisa ir a urxencias. Pero a observación do neno de xeito continuo si é fundamental. Vixiar se está consciente, se a súa respiración e os seus latexos son normais, como sempre.

Na maioría dos casos o neno só terá dor e non precisará que o revise un médico de xeito inmediato. É normal que o neno estea asustado.

Débese avisar aos pais de que ocorreu o accidente e a forma en que tivo lugar.

Se ten un croque pode poñer xeo ou un bote de refresco frío, envolvido nun pano para diminuír a inchazón.

Se se sospeitan lesións importantes porque a caída foi moi forte ou desde moita altura non debe mover o neno, especialmente o seu pescozo.

Ademais de avisar aos pais débese contactar co servizo de urxencias ante calquera síntoma de alarma.

Seguro que ata aquí o sabemos. Que máis podemos saber?

Ollo! Alarma! Nestes casos é cando debemos acudir ao médico:

Se o neno está confuso, somnolento ou moi irritable.

Se empeza a vomitar, de forma repetida

Se ten dificultade para camiñar ou falar, se fala ou ve mal

Se lle doe moito a cabeza noutro sitio distinto do golpe

Se ten unha ferida na cabeza que non para de sangrar

Se sae sangue ou un líquido claro polo nariz ou os oídos.

Se caeu de máis dun metro de altura.

Se ten unha zona afundida na cabeza.

Se se comporta de forma estraña ou ten amnesia do ocorrido

Se perdeu a conciencia ou convulsionou

Se ten hematoma ao redor das pálpebras ou das orellas

Se as pupilas non están iguais

Se se sospeita que se fixo dano no pescozo

Se non vimos como caeu

Se sabemos que é hemofílico ou ten problemas coa coagulación do sangue.

Se vos atopades nesta situación e actuades deste xeito, esteades onde esteades, estade tranquilos que o estades facendo ben. E se credes que estes sinxelos consellos poden axudarvos nalgún momento, contade con eles.

 

MªEsther Serrano Poveda. Pediatra EAP CS Miguel Servet- Benicalap Valencia

 

Artigo cortesía da Asociación Española de Pediatría en Atención Primaria (AEPAP)

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*