A novela “Escarlatina, a cociñeira defunta”, da viguesa Ledicia Costas, obtivo este luns o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil que cada ano outorga o Ministerio de Cultura. O xurado considera que a obra publicada en Edicións Xerais é a mellor de cantas viron a luz o ano pasado nas diferentes linguas do Estado Español. O recoñecemento chégalle a unha autora que, con só 26 anos, se situou nos últimos tres anos como unha das narradoras con máis proxección da literatura galega.
O galardón, dotado con 20 mil euros, será sen dúbida un inmellorable pasaporte para que “Escarlatina, a cociñeira defunta” chegue ao público lector nas diferentes linguas do estado. Costas suma o seu nome ao doutros catro grandes autores do país que xa obtiveron o premio neste mesmo apartado: Paco Martín (1986), Xabier P. Docampo (1995) Fina Casalderrey (1996) e Agustín Fernández Paz (2008).
O xurado estivo composto por: Diego Arboleda (escritor); Carme Riera (Real Academia Española); Charo Álvarez(Academia Galega); María Asunción Agiriano (Academia da Lingua Vasca); Vicenç Llorca (Instituto de Estudos Cataláns); Montserrat Pena (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil); Gemma Lluch (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas); Concha Barrigós (FAPE); Paula Izquierdo (Asociación de Escritores de España); Marina Sanfilippo (UNED); e Teresa Corchete (Ministerio de Cultura)
Vía: Letra en Obras