Sensatez, xustiza e coherencia no proceso de acollida das persoas refuxiadas en Galicia

refuxiadosAchegamos o comunicado das ONG galegas diante da diversidade de propostas que se están a facer públicas dende as distintas administracións públicas.

A Coordinadora Galega de ONGD e EAPN Galicia- Rede Galega contra a Pobreza, representantes de máis de 160 organizacións de acción social e cooperación ao desenvolvemento, facemos público este posicionamento en relación á acollida de persoas refuxiadas en Galicia. Facémolo co obxectivo de achegar sensatez e de esixir xustiza nun momento no que hai máis incógnitas que certezas arredor do proceso de acollida. Tamén ante a diversidade de propostas que se están a facer públicas dende as distintas administracións públicas.

Pretendemos que este posicionamento poida ser de interese para as administracións, os medios de comunicación e a poboación galega. Porque temos claro que o fundamental en todo este proceso non é só a solidariedade senón que se garantan os dereitos humanos das persoas que están fuxindo da violencia, a guerra e a fame. Para iso, facemos público un posicionamento no que buscamos contextualizar os feitos; expoñer as nosas demandas; e facer propostas de traballo conxunto.

As organizacións de cooperación ao desenvolvemento e acción social consideramos necesario destacar que a problemática das persoas refuxiadas non é nova: no Estado español hai xa centos de persoas solicitantes de asilo ás que non se lles está dando resposta. A atención na única Oficinas de Asilo e Refuxio de Madrid, onde se tramitan as solicitudes de asilo, leva anos colapsada. Actualmente, o proceso de obtención do estatus de persoa refuxiada chega a demorarse ata 5 anos, motivo polo cal unha parte importante destas persoas acaban por regularizar a súa situación por outras vías legais como o arraigo social,o cal significa que perden todos os dereitos que establece a Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas, como, por exemplo, o dereito a unha vivenda.

Consideramos moi positiva a ola de solidariedade xurdida entre a poboación galega con respecto ás persoas refuxiadas e a vontade de querer acollelas nas súas vivendas particulares, pero desaconsellamos esta posibilidade polo serio risco de frustración que pode supor no futuro. Aínda que é factible en determinados casos como no dos menores non acompañados/as (sempre segundo estableza a normativa e os procedementos de acollida), non semella sensato seguir ofertando esta posibilidade dada a complexidade e a previsiblemente extensa duración dos procesos de acollida e integración.

As persoas refuxiadas teñen dereitos recoñecidos na Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas a cal establece que o Estado de acollida é o encargado de ofrecer unha vivenda digna que se adapte ás necesidades destas persoas. Como en calquera outro proceso de loita contra a pobreza ou a exclusión social, tras unha etapa breve de atención á emerxencia, é imprescindible traballar coas persoas a medio e longo prazo con acompañamento profesional que asegure a súa plena inclusión social e laboral. Animamos á cidadanía a que adique a súa imprescindible solidariedade a reforzar este proceso dende moitos distintos ámbitos.
DEMANDAMOS e PROPOÑEMOS

Sensatez: deben tomarse as medidas necesarias, tanto nos tempos como nas formas, para garantir a mellor acollida posible ás persoas refuxiadas. Non se poden tomar medidas a curto prazo, nin descoordinadas, que creen máis problemas que solucións.

– O cumprimento dos convenios internacionais e as directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio

– A creación de corredores humanitarios para que as persoas refuxiadas que actualmente están en tránsito poidan pedir asilo en diferentes Estados

Ampliar e axilizar o sistema de asilo para as persoas que xa están no Estado español (tamén en Galicia) e que actualmente están pendentes de ser atendidas, mediante o reforzo da Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior e de persoal debidamente formado nas Oficina de Estranxeiría, para conseguir unha maior axilidade nas entrevistas de solicitude.

– Que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas refuxiadas e promover a súa autonomía. Iso significa que haberá que promover a súa integración facilitando alugueres de pisos, garantido o acceso ao sistema educativo e sanitario, a través da mediación lingüística, etc.

– Que a Xunta de Galicia poña a disposición das persoas migrantes e refuxiadas recursos que tamén beneficien ao conxunto das persoas en situación de pobreza e/ou exclusión: recursos sanitarios, de reforzo escolar e educación inclusiva plena, de tradución, de integración e mediación, etc. Para iso, ademais de incrementar os escasos recursos existentes, haberá que promocionar a formación entre as persoas que os atenden e asegurar a coordinación cos xa existentes.

– A posta en marcha dun programa de formación dirixido ao persoal das administracións públicas que atenden en distintos servizos a persoas migrantes e refuxiada

Participación da Coordinadora de ONGD e EAPN Galicia na mesa de diálogo creada pola Xunta de Galicia sobre esta cuestión.

– Que as organizacións sociais e os concellos traballemos conxuntamente, man a man, na posta en marcha de campañas de sensibilización dirixidas á poboación para combater os discursos racistas e xenófobos; para rachar cos discursos que falan de migrantes de primeira e de segunda; e para falar das causas da pobreza e das guerras.

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*