A OMS propón prohibir fumar en coches onde viaxen menores

tabacoUn recente foro da Organización Mundial da Saúde destacou esta proposta. A nivel europeo, o Reino Unido adiantouse, establecendo unha norma nese sentido: nas estradas británicas estará prohibido consumir tabaco en coches onde viaxen menores.

No interior dun coche, a concentración de fume e contaminantes xerada polo tabaco multiplícase por máis de vinte respecto da que pode medirse no interior dun domicilio, polo que a medida queda máis que xustificada. A iniciativa foi subliñada pola Oficina Rexional da Organización Mundial da Saúde durante o recente foro de Vilnius, en Lituania.

“O que conseguimos no últimos vinte anos demostra que o soño dunha Europa onde se combata exitosamente o consumo de tabaco deixou de ser un soño para pasar a ser algo moi real: os mozos e mozas que medran hoxe en día xa ven como absolutamente normal que non se fume en avións, buses, oficinas ou restaurantes e bares”, afirmou a directora da OMS en Europa, Zsuzsanna Jakab.

O obxectivo último é precisamente conseguir que as xeracións futuras vaian vendo ao tabaco como algo que pertence ao pasado. Países como Irlanda ou Finlandia son a día de hoxe pioneiros no deseño de estratexias para un futuro sen tabaco.

No caso da recente aprobación no Reino Unido da prohibición en vehículos onde viaxen nenos e nenas, a proposta chegaba de mans da oposición laborista en forma de emenda á Lei de Menores e Familias. Finalmente, a Cámara dos Comúns votou maioritariamente a favor desta iniciativa, aínda que 107 deputados opuxéronse á iniciativa. Para presionar en favor desa aprobación, varios centos de especialistas británicos asinaran unha carta no British Medical Journal advertindo que a inhalación de fume de tabaco é unha das principais causas de enfermidade en menores, provocándolles danos diversos.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*