O Patrimonio Común Galego-Portugués: 10 anos no camiño cara a Unesco

cartelEste 25 de novembro de 2015 cúmprese o décimo aniversario da presentación da candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués na Unesco

• A Asociación Ponte…nas ondas! organizará diversas actividades de conmemoración en colaboración con grupos e artistas de Galiza e do Norte de Portugal

• Escolas e colectivos agardan o compromiso das institucións para dar resposta ao esforzo e ilusión en prol da cultura común

O 25 de novembro de 2005, hai xa dez anos, o patrimonio inmaterial galego-portugués optaba a ser proclamado como Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade. Era a primeira Candidatura Multinacional promovida por centros educativos de dous países da Unión Europea. Naquela data, a UNESCO recomendou voltar a presentar a proposta destacando o seu grande valor e riqueza das súas manifestacións e expresións. Un mes antes, o día 25 de Outubro de 2004,  un grupo de profesores e profesoras da Asociación Ponte…nas ondas! entregaban na sede da Unesco en París, a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Nacida desde escolas ás dúas beiras do Miño, esta Candidatura concitou unha grande adhesión en Galicia e en Portugal ( e na diáspora galego-portuguesa ) e logrou o aval dos Estados español e portugués así como da Xunta de Galicia, sendo numerosas as institucións que colaboraron na realización dos traballos preparativos ( Universidades, Museos, Asociacións…).

Un amplo apoio por parte de importantes personalidades do mundo da cultura, a educación e da ciencia foi explicitado mediante adhesións colectivas e individuais (José Saramago, Nélida Piñón, Federico Mayor Zaragoza, Suso de Toro,  Manuel Rivas, Mário Claudio, etc.)

Ampla suma de esforzo e consenso en favor da cultura común

O 10 de novembro de 2004 o Parlamento de Galicia aprobara por unanimidade unha declaración de apoio e instaba ao goberno da Xunta a apoiar o proceso da Candidatura. O 21 de setembro de 2005, o Congreso dos Deputados de España aprobaba outra resolución de apoio á Candidatura e instaba ao goberno do Estado a apoiala e daba traslado á Unesco desta resolución.

O 11 de decembro de 2007, o Congreso dos Deputados de España aproba novamente unha resolución por unanimidade na que se insta ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a inscribir na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial a  candidatura das Tradicións Orais Galego-Portuguesas.

A Asociación Ponte…nas ondas! tentou que esta inscrición fose realizada na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial, sen conseguilo ata este momento. Desde entón, outras propostas, como o Flamenco ( presentada no mesmo ano que  a galego-portuguesa e inscrita en 2010 ), foron xa inscritas. Neste punto, é imprescindible que as diversas institucións se involucren no empurrón final para que toda a inédita suma de consenso e esforzo xurdidos da ilusión e o traballo nas escolas chegue á fin á meta proposta.

Entendemos que, dez anos despois, o noso patrimonio común, nacido no marco da actual Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e presente en diversos países, merece ser inscrito na Lista Representativa do Patrimonio Mundial.

Unha gala para o Patrimonio

Ponte…nas ondas! quer lembrar que o patrimonio inmaterial galego-portugués estaba na sede da UNESCO en París optando a ser Obra Mestra do Patrimonio da Humanidade o 25 de novembro de 2010. Para a ocasión vai celebrar durante esa xornada unha MOSTRA DA ORALIDADE GALEGO-PORTUGUESA para os centros educativos das dúas marxes (pola mañá ) e unha GALA DO PATRIMONIO ( pola noite ). Ambos eventos contarán coa participación de grupos e artistas de Galiza e do Norte de Portugal.

Máis na rede

www.pontenasondas.org

www.opatrimonio.org

www.facebook.com/opatrimonio

www.twitter.com/1patrimonio

 

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*