A educación en contornos relixiosos non favorece a empatía

rezoMoitos pais que dan aos seus fillos unha educación relixiosa están convencidos de que, grazas a iso, os seus nenos son máis empáticos e xustos. Con todo, un estudo que publicou Current Biology recentemente, revela precisamente o contrario.

“Normalmente pénsase que a relixiosidade está vinculada co autocontrol e a moralidade. Esta crenza está tan profundamente arraigada na sociedade que, nalgúns ambientes, as persoas que non son relixiosas chegan a ser consideraradas moralmente sospeitosas”, comenta Jean Decety, autor principal do traballo e investigador no departamento de Psicoloxía da Universidade de Chicago (Estados Unidos), para a axencia Sinc. Por exemplo, “en Estados Unidos as persoas non relixiosas teñen poucas posibilidades de ser elixidas para altos cargos políticos”, opina.

“Por tanto, está comprobado que a relixión inflúe nos xuízos morais da sociedade e o seu comportamento cara a outros, e precisamente é esa relación entre moral e relixión a máis polémica de todas, aínda que non sempre é positiva”, sinala Decety.

O equipo de investigadores avaliou o comportamento de 1.170 nenos de entre cinco e doce anos procedentes de seis países: Canadá, China, Xordania, Turquía, Estados Unidos e Suráfrica.

A maioría dos nenos criouse en ambientes cristiáns (23,9%), musulmáns (43%) ou non relixiosos (27,6%), aínda que no estudo tamén se incluíron xudeus (2,5%), budistas (1,6%), hindús (0,4%) e fogares agnósticos (0,2%).

Para o experimento déronselle aos nenos varios adhesivos para que os compartisen con outros compañeiros da súa escola e do seu mesmo grupo étnico. Os de maior idade mostrábanse máis xenerosos, pero a relixión tamén se puido relacionar co seu comportamento.

Os máis relixiosos mostrábanse menos predispostos a compartir, mentres que os máis altruístas eran os que procedían de familias ateas ou agnósticas.

Outro descubrimento é que os nenos relixiosos xulgaban o dano interpersoal dunha maneira máis severa e consideraban que os castigos debían ser maiores que no caso dos non relixiosos.

Segundo os investigadores, estes datos concordan con estudos realizados previamente en adultos, pero os que se obtiveron agora mostran como se desenvolven as actitudes sociais e culturais na etapa infantil, un período máis delicado á hora de aprender.

Secularización para a moralidade

Tendo en conta os resultados do estudo, os investigadores expoñen se a relixión é realmente fundamental para o desenvolvemento da moralidade.

“As sociedades secularizadas son máis pacíficas e xeralmente máis ‘sas’ que as daqueles países que se ancoran en valores relixiosos”, opina Jean Decety. “Os países democráticos con pouca fe relixiosa, como Países Baixos, Suecia, Dinamarca, Xapón, Bélxica ou Nova Zelandia, a día de hoxe teñen os niveis máis baixos de criminalidade no mundo e neles destaca o benestar dos seus cidadáns”.

Segundo sostén o investigador, algúns estudos sociolóxicos avalan que os fogares seculares outorgan unha boa base moral aos máis pequenos. Este tipo de ensino achegaría, en opinión de Decety, valores éticos fortes para as futuras xeracións.

“Espero que a sociedade empece a entender que a relixión non garante a moralidade e que comprenda que unha e outra son cousas distintas”, resalta.

O autor afirma que seguirá coa súa investigación e quere ampliala incluíndo a nenos de idades comprendidas entre catro e oito anos, procedentes de 14 países: Canadá, China, Cuba, Colombia, Arxentina, Chile, Suráfrica, Turquía, Xordania, Taiwan, Tanzania, Etiopía, Noruega e México.

 

Bibliografía:

Jean Decety et al. “The negative association between religiousness and children’s altruism across the world”. Current Biology DOI: 10.1016/j.cub.2015.09.056 5 de novembro de 2015

 

Fonte: Axencia SINC

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*