Os Museos Científicos Coruñeses presentan esta nova sala pensada para facer tecnoloxía por un mesmo e comezar a “pensar coas mans”.
O chamado movemento maker está protagonizado por persoas inquietas, apaixonadas pola tecnoloxía, educadores, artesáns, enxeñeiros, estudantes, defensores da filosofía do código aberto, e de todos aqueles cuxo pensamento vira ao redor de como inventar ou crear cousas novas. Tecnoloxías como a das impresoras 3D, cortadoras láser ou as placas Arduino posibilitan a materialización deste tipo de actividades.
A Domus súmase a esta corrente cada vez máis presente na sociedade e crea un novo espazo, maker@domus, onde se celebran actividades maker dirixidas a diferentes públicos, desde escolares a público xeral.
Varias contornas
A sala conta con varias contornas: unha para realizar actividades de grupo, outra para celebrar actividades formativas, unha terceira para tarefas propias de maker e dous espazos tipo fab-lab, para traballos tipo taller (cortadoras láser e tornos).
Unha das características a destacar é que a sala é totalmente configurable, podendo adaptar os espazos ás distintas actividades así como a eventos máis multitudinarios. Para a concepción e desenvolvemento do espazo, a Domus colabora co Tinkering Studio do Exploratorium de San Francisco, pioneiros a nivel mundial na posta en marcha dun espazo maker integrado nun centro de ciencia e un referente en educación STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería, arte e matemáticas).
Actividades da sala maker@domus
Unha das principias actividades que acollerá a sala durante o curso escolar son talleres para grupos escolares. Se ofrecen dous talleres para grupos escolares de diferentes idades, desde 6 a 14 anos, previa reserva:
1. circuitos@domus
Martes, de 11:00 a 12:30. Para experimentar con baterías, lámpadas, timbres, interruptores, e moitos outros compoñentes eléctricos, para comezar a comprender o mundo da electricidade. Crea conexións eléctricas entre obxectos cotiáns e descubre outras moi sorprendentes. Para alumnos de Primaria e ESO (1º e 2º)
2. robots_pintores@domus
Martes, de 11:00 a 12:30. Os alumnos inventan o seu propio dispositivo a motor que se move das formas máis inesperadas e debuxa garabatos incribles. Para alumnos de Primaria (de 2º a 6º) e ESO (1º e 2º)
Clube tecnolóxico e taller de robótica
Ademais, estanselevando a cabo dúas actividades nesta sala, que teñen xa cubertas todas as súas prazas:
– Clube tecnolóxico. Celebrase unha vez á semana ao longo dun trimestre, entre o 6 de outubro e o 23 de decembro. Os participantes realizarán un itinerario de aprendizaxe na área da robótica educativa, pasando por diversas contornas de aprendizaxe e ferramentas dixitais. Organízanse en dous grupos, un para estudantes de Primaria e outro para Secundaria.
– Talleres Robotix. Os participantes, nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, se introducen de forma divertida na robótica, innovando, creando e traballando en equipo. No obradoiro, impartido por Robotix, socio certificado de Lego Education, experimentan coa forza e o movemento, o equilibrio e a estabilidade aprendendo ciencia e tecnoloxía de forma lúdica.
Feira OSHWDem
A Semana da Ciencia 2015 vai do sábado 7 de novembro na Domus coa Feira OSHWDem de tecnoloxía aberta, organizada por Bricolabs en colaboración cos Museos Científicos Coruñeses. Ao longo de toda a xornada haberá multitude de actividades, desde unha exhibición de proxectos, mini charlas, concursos, competicións e talleres.
As actividades que se organizan na sala maker@domus nútrese da experiencia e a colaboración de varias entidades. Por unha banda, o Exploratorium de San Francisco, museo de ciencia pioneiro a nivel mundial na educación non formal en ciencia. Tamén Bricolabs, unha asociación que reúne semanalmente na Domus a todos aqueles que queren colaborar no deseño, construción e probas de todo tipo de aparellos e gadgets, propostos polos propios participantes e ao estilo doutros HackerSpaces e FabLabs do mundo. Ademais, os Museos Científicos Coruñeses colaboran con Scientix, comunidade para a ensinos das ciencias en Europa, presentando as súas actividades maker en eventos europeos e nacionais co fin de ofrecer novas oportunidades de formación aos profesores e de difundir este novo proxecto no que se atopa inmerso.
O espazo maker@domus parte dun proxecto creado integramente nos Museos Científicos Coruñeses, coas achegas e o traballo de seu equipo profesional e que se empapa, desde a súa concepción como idea ata a súa posta en marcha, dun auténtico espírito maker.
Fonte: Domus