Nova Escola Galega: Reflexións sobre política educativa

nova-escola-galegaAo fío da cita coas urnas, o colectivo Nova Escola Galega elaborou unha escolma de propostas para que as formacións políticas teñan en conta cara á vindeira lexislatura.

Continuando coa vontade de ofrecérmoslles as nosas reflexións e posicións á comunidade educativa e á sociedade en xeral, queremos facerlles chegar este documento tanto á opinión pública como ás diferentes opcións políticas que se postulan para formaren parte do Parlamento Español nas próximas eleccións xerais do 20 de decembro de 2015. Conscientes de que estas eleccións teñen un significado especial polo momento político que vive o Estado español e que ten que ver coa renovación das estruturas políticas e mesmo co modo de entender a acción política, pensamos que entraremos nunha lexislatura singular –tamén para Galicia– dado que as decisións que se tomen na próxima lexislatura probablemente terán transcendencia no tempo e un impacto social duradeiro máis aló do seu período de catro anos.

Por coherencia coa necesidade de entrar nunha dinámica social de contar con políticas educativas estables e sostibles –e esta é a primeira das ideas que queremos transmitir, sabendo ademais que é amplamente compartida polos actores políticos– manifestamos o noso acordo co Documento de bases para una nueva ley de educación. Acuerdo social y político educativo debatido no “Encuentro social de debate por una nueva Ley Educativa”.

Somos conscientes tamén de que a acción de goberno debe contemplar diferentes tempos e prioridades, e por iso facemos tres tipos de propostas cun alcance diferente:

Medidas urxentes, aquelas que pensamos que deberían ser tomadas inmediatamente despois da formación de goberno no comezo de 2016, para evitar males maiores no sistema educativo e coidando que non provoquen unha nova situación de inseguridade e confusión na comunidade educativa a sumar á creada pola caótica posta en marcha da LOMCE. Ante a imposibilidade xurídica de derrogala de inmediato propoñemos, con carácter transitorio, unha serie de medidas urxentes que anularían partes substanciais e lesivas da lei.

Propostas de política educativa para establecer na educación un marco legal estable e co máximo consenso posible. Conscientes de que moitas delas terían que ser acordadas e polo tanto acordadas polas forzas políticas parlamentarias para cumprir precisamente a esixencia de amplo consenso e duración.

Propostas de carácter e de garantía constitucional, aquelas que nun desexable proceso de renovación da Constitución española deberían formar parte da mesma, co fin de garantir o seu cumprimento lonxe dos avatares concretos de cada lexislatura.

MEDIDAS URXENTES

• Derrogación do calendario de aplicación da LOMCE.

• Derrogación dos artigos da LOMCE que establecen as probas de fin de curso e de etapa (as reválidas), restablecendo a obtención dos diferentes títulos de ESO e Bacharelato a partir da cualificación de Aprobado dos cursos finais correspondentes –4º da ESO e 2º de Bacharelato respectivamente, como prevía a LOE–, así como o título da ESO a quen aproben o segundo curso da FPB.

• Derrogación dos artigos da LOMCE que establecen as dúas vías de 4º da ESO, que aínda non están implantadas.

• Derrogación das disposicións que teñen que ver coa materia de relixión.

• Anulación de todas as medidas de recortes e restricións económicas relacionadas coa educación e que atinxen ás reducións do programa de bolsas, aos servizos de transporte e comedor, á conxelación das prazas, á carga docente, aos horarios do profesorado e á redución dos apoios á diversidade educativa.
PROPOSTAS DE POLÍTICA EDUCATIVA

Para xerar confianza na comunidade educativa e no conxunto da sociedade é indispensable a derrogación da LOMCE, asociada á intención de abordar o deseño dun novo marco legal construído de xeito participado, tendo en conta as demandas dos diferentes sectores da comunidade educativa.

Co obxectivo de garantir o dereito á educación e a igualdade de oportunidades é necesario:

• Dar pasos firmes na mellora e extensión da escola pública, reducindo progresivamente os concertos económicos cos centros privados.

• Reforzar e planificar a rede escolar no mundo rural, evitando que sexa unha causa máis do despoboamento e axudando a fixar poboación como unha aposta polo futuro, o desenvolvemento integral e a sustentabilidade dos espazos rurais.

• Estender paulatinamente a escolarización pública e gratuíta de 0 a 18 anos, en concordancia coa progresiva redución dos concertos, dado que son estes centros privados os primeiros interesados en propoñeren esa extensión para ampliaren os concertos económicos.

• Facer efectivo o dereito á inclusión, con apoios suficientes dentro (que será o xeito habitual de apoiar) e fóra das aulas, a redución das ratio, a formación do profesorado e a incorporación de novos profesionais ao ámbito do sistema educativo.

• Reforzar accións e iniciativas de cambio metodolóxico nas aulas e nos centros, baseadas na prevención do fracaso escolar e na súa corrección, evitando que as distintas modalidades de externalización (deberes, academias, programas de apoio de organizacións do terceiro sector) acentúen a desigualdade.

• Revisar profundamente o deseño e posta en práctica dos chamados programas bilingües e multilingües, desde a perspectiva da súa orientación ao conxunto do alumnado e do respecto ao necesario afianzamento das linguas propias, evitando que sexan usados para a selección do alumnado e que limiten o preciso coñecemento científico e a presenza das linguas propias no currículo.

• Promover unha mellor incardinación das ensinanzas artísticas no marco do sistema educativo, tanto no plano curricular nas distintas etapas do ensino canto na súa ancoraxe na formación universitaria.

• Situar a importancia dos materiais curriculares no desenvolvemento dos procesos de ensino- aprendizaxe, de xeito que se favoreza a autonomía dos centros, con partidas económicas que lles permitan xestionar directamente –co correspondente apoio administrativo– a adquisición e elaboración de materiais curriculares adaptados ao seu proxecto educativo para o conxunto do alumnado.

• Dotar de cobertura suficiente e con parámetros de calidade contrastada os servizos complementarios, como os de comedor, transporte, actividades extraescolares etc. A aspiración á súa gratuidade debe apoiarse na profunda revisión do réxime de fiscalización actual, evitando fórmulas de “copagamento” que non resolven o problema de fondo.

• Cómpre tamén afirmar e facer efectiva a laicidade do ensino:
o Denunciando o actual Concordato co Vaticano, a través do que se realiza un indesexable intervencionismo relixioso xeral na política curricular.
o Eliminando a relixión –en canto que educación nunha fe relixiosa– do horario e do currículo escolar, identificado co que significa a educación básica de todos e de todas na sociedade democrática.

Sobre o profesorado:

• Revisión organizativa e renovación da formación inicial –que combine a formación científica, docente e práctica–, con implicación da Administración e da Universidade.

• Incorporación no momento de acceso á función docente dun período de prácticas, con titoría presencial e unha duración mínima dun curso escolar retribuído.

• Redución das interinidades ao mínimo imprescindible para o fomento da estabilidade dos cadros de persoal docentes.

• Integración progresiva nun corpo único de profesorado, e establecemento de criterios racionais e adecuados para a súa toma en consideración no desenvolvemento profesional.

• Formación permanente con partes obrigatorias en horario lectivo, orientada a formar e actualizar ao profesorado naquelas cuestións estratéxicas para o sistema educativo, nomeadamente as que se relacionan coa procura da igualdade de oportunidades e a equidade, así como a conexión con retos sociais como a coeducación, a inclusión, a participación das familias nos procesos educativos, a mellora da convivencia, a educación ambiental etc.

• Adecuación dos horarios, coa inclusión de tempos que garantan e permitan facer efectiva a coordinación e a planificación conxunta de actividades e unha axeitada atención ás familias.

Sobre os centros e o seu funcionamento:

• Propiciar a súa autonomía, para que poidan desenvolver un papel protagonista na articulación dos tempos e das tarefas escolares, asociado ao imprescindible cambio metodolóxico, na procura dun ensino renovado e atento ás necesidades de formación integral da cidadanía. Asemade debe considerarse a súa autonomía económica para xestionaren, entre outros, os materiais curriculares.

• Reforzar a capacidade e xestión democrática proporcionándolles competencias reais aos consellos escolares e facilidades sociais para a participación das familias nos mesmos.

• Apertura dos centros fóra do horario escolar, para propiciar a súa utilización polas familias e pola contorna.

• Coordinación entre os diferentes servizos que actúan co alumnado e as familias (sociais, culturais, sanitarios etc.), incorporando novos postos de traballo –nomeadamente profesionais da educación social–, que poidan facer efectiva esta coordinación e a incardinación cos tempos sociais non escolares e as institucións socioeducativas.

• Establecemento, reforma ou consolidación de Consellos escolares dos diferentes ámbitos territoriais (concellos, comarcas e Galicia), que sexan quen de interrelacionaren centros, experiencias e oportunidades nun proxecto educativo compartido para un determinado territorio.

 

PROPOSTAS DE GARANTÍA CONSTITUCIONAL

• Garantía constitucional dun mínimo de gasto educativo nos Orzamentos xerais do Estado con relación ao PIB, e en concordancia co que é práctica habitual nas sociedades democráticas avanzadas, o que debe evitar alteracións significativas dos investimentos educativos dependendo do signo e das circunstancias políticas de cada momento.

• Establecemento dun marco de competencias claro e estable, e dunhas regras de xogo respectuosas que posibiliten que a actuación de cada administración no eido educativo sexa a que lle corresponde, na procura das necesarias sinerxías.

• Inclusión decidida das linguas distintas do español no sistema educativo, así como das culturas dos diferentes pobos, e establecemento de medidas de normalización e potenciación.

• Definición do Estado como laico.

Agardamos que estas propostas poidan ser tomadas en consideración polas organizacións políticas que concorren ás vindeiras Eleccións xerais e pola cidadanía, coa intención de que o sistema educativo de todos e todas poida ser un instrumento, ao tempo estable e dinámico, ao servizo do desenvolvemento social e cultural de todos e todas nun Estado que debe ser democrático e que é plurinacional e pluricultural.

 

Nova Escola Galega

 

1 COMENTARIO

  1. Para ese viaje no se necesitan alforjas.
    Para seguir en la escuela del siglo XIX como se pretende en esas propuestas, no hace falta mucho conocimiento.
    La escuela gallega y toda la española necesita cambios mucho más básicos, empezando por un cambio de paradigma.
    Quizás algunos podamos aportar algo más.

Deixa una resposta a Isidro García Getino Cancelar resposta

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*