Así compiten as árbores entre elas na fraga para asegurar a supervivencia

arboresA revista ‘Nature‘ acaba de publicar un estudo, no que participan Miguel Ángel de Zavala e Paloma Ruiz Benito, que explica como compiten as árbores nos bosques para asegurar a súa supervivencia.

Tres criterios funcionais: a densidade da madeira do tronco das árbores, a altura máxima que conseguen e a relación entre o peso e o grosor das follas, serven para medir a capacidade competitiva dunhas árbores fronte a outras.

Trátase dun estudo internacional, liderado polo investigador George Kunstler, do IRSTEA de Grenoble, en Francia, e a Macquarie University de Sydney, en Australia, no que participaron máis de 40 investigadores en todo o mundo, entre eles o coordinador do grupo de investigación Ecoloxía e Restauración Forestal da Universidade de Alcalá (UAH), Miguel Ángel de Zavala, e a doutora Paloma Ruiz Benito.

Zavala sinala que a análise de competencia entre árbores en bosques pode ser moi útil para establecer modelos para predicir como van reaccionar os ecosistemas fronte ao cambio climático e tamén terá aplicacións útiles en ámbitos como a xestión e explotación forestal ou a conservación da biodiversidade.

Por que no bosque mediterráneo conviven en perfecta paz os piñeiros e as aciñeiras? Grazas a que non entran en competencia e compleméntanse. A aciñeira medra menos e tolera a sombra; o piñeiro medra máis rápido, consegue máis altura e é menos tolerante á sombra.

Isto é só un exemplo. O estudo sobre a competencia en bosques publicado en ‘Nature‘ é o máis extenso ata a data en todo o mundo e establece regras xerais sobre a competencia existente entre os máis de 3 billóns de árbores que existen sobre o planeta, pertencentes a máis de 60.000 especies.

Utilizáronse datos de crecemento de máis de 3 millóns de árbores distribuídas en máis de 140.000 parcelas forestais de todo o mundo. Esta gran cantidade de datos permitiulles aos investigadores facer xeneralizacións utilizando os 3 criterios funcionais mencionados. Deste xeito, o estudo das características das árbores pode axudar a comprender como se relacionan as diferentes especies.

Zavala agrega que se trata “dunha mostra máis da necesidade de estudos coordinados e cooperativos entre países de todo o mundo se queremos identificar algúns dos principios xerais que regulan o mantemento da diversidade biolóxica e o funcionamento dos ecosistemas, algo particularmente necesario neste momento no que o Cambio Global ameaza coa degradación de moitos ecosistemas?.

Fonte: Universidad de Alcalá

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*