Quero Cantar!

quero-cantar-galAberto prazo para o concurso musical infantil da Deputación da Coruña.

Moitos de vós lembraredes Cantareliña, aquel pioneiro certame musical que durante oito edicións, entre 1983 e 1991 alentou a paixón musical de moitos nenos e nenas de toda Galicia. Impulsado polo grupo Saraibas, o Cantareliña tiña ademais o engadido de establecer e promover o vínculo de unión coa lingua e a cultura do país e co lema de “Mentres canten os meniños Galicia será inmorrente”.

Pois con ese inesquecible espírito nace esta fermosa iniciativa ‘Quero Cantar’.

Do día 15 de xaneiro a 15 de abril está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para participar no certame. Poderán inscribirse grupos musicais formados por un máximo de dez persoas, das cales cando menos a voz ou voces solistas ou as participantes de ser coral a agrupación deben ter menos de 12 anos de idade. As cancións terán que estar en galego e os grupos deberán enviar unha maqueta en formato audiovisual ou só audio con música orixinal e inédita que non fora difundida. As solicitudes , acompañadas da documentación composta pola relación de compoñentes, descrición das necesidades técnicas, biografía do grupo e aceptación das bases e cesión dos dereitos da imaxes, remitiranse ao correo electrónico cultura.concursoinfantil@dacoruna.gal ou entregaranse no Rexistro Xeral da Deputación da Coruña.

“Estamos a vivir un momento extraordinario da música feita para crianzas na nosa lingua. Son moitas as propostas de músicas e músicos que decidiron dirixirse ao público infantil coas súas composicións e en cada concerto comprobamos que as cancións son xeniais instrumentos para a normalización da nosa lingua”, afirmou na presentación da iniciativa Goretti Sanmartín, videpresidenta da Deputación e responsable da área de Normalización, para quen Quero Cantar pode formar parte deste novo tempo para a canción en galego destinada a nenos e nenas, neste caso na súa propia voz.

As dez propostas mellor clasificadas gravarán en estudio a súa canción que será editada no CD Quero Cantar 16. Un xurado designado pola Deputación realizará a primeira selección das maquetas e será unha votación pública a través da rede Facebook, que se desenvolverá dos días 18 a 22 de abril , quen decida as dez propostas que formarán parte do disco que se editará tras o concurso. As cinco máis valoradas pasarán á fase final que será a gala do Teatro Colón da Coruña na que cada unha das agrupacións interpretará en directo a súa canción. Cada grupo recibirá 200 € en concepto de desprazamento.

Os tres grupos gañadores recibirán 300, 200 e 100 € en material musical o primeiro, segundo e terceiro clasificado. O que quede no primeiro posto terá oportunidade de gravar un videoclip da canción gañadora.

Ás bases completas pódense consultar na propia web QueroCantar.Gal.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*