A miña historia co tabaco

tabaco_cigarrilloUnha estudante universitaria fai memoria da súa experiencia respecto deste nocivo hábito.

Non lembro como, nin cando, nin por que empecei. Nin sequera lembro o primeiro. Non recordo se me deu tose, non recordo se o sabor me gustou, non recordo nin o que pensei. Nin sequera recordo con quen estaba ou o contexto. Non se se foi de festa ou tomando un café nunha cafetería. Non sabería dicilo.

Con todo, si lembro o proceso de converterme en “fumadora social”. Creo lembrar que, cando empecei a probalo, tiña 16-17 anos. Recordo que todo empezou de forma moi ocasional, basicamente cando saía de “festa”, e sempre que houbese alguén que me ofrecese. É curioso, ao principio non pides ti, senón que che ofrecen. Eu non dixen que si por presión social nin nada polo estilo. Sempre fun unha persoa curiosa e tiven interese en experimentar as cousas en carne propia, supoño que para poder formarme unha opinión persoal. Certamente, hai cousas polas que non sentín curiosidade, por exemplo, as drogas químicas como a cocaína ou o éxtase. A miña idea era que non eran naturais. Polo menos os porros viñan dunha planta e, polo visto, facíanche rir.

Volvendo aos meus inicios no acto de fumar, como digo, foi moi progresivo. Creo que a razón pola que as miñas amigas e eu empezamos a fumar foi porque unha de nós xa o facía de forma habitual, Sofía. Ela fumaba con moita frecuencia, tanto tabaco como marihuana, e sempre nos ofrecía. Co tempo, conforme aumentaba a cantidade de “pitis” que lle pediamos, empezamos a comprar, en grupos, paquetes para a noite. Entre dous ou tres comprabamos un, e durábanos unha ou dúas noites.

Os porros eran diferentes. Non tiñamos tanto costume de dicir que si. Probabámolos en ocasións concretas, en momentos nos que podiamos estar tranquilamente e “gozar” dos efectos. Con todo, Sofía empezou a depender demasiado deles e a illarse para poder entregarse á súa adicción, e iso deunos a todas unha imaxe de onde non queriamos chegar.

Con todo, co tabaco si nos deixamos levar. Aos poucos, iamos comprando paquetes entre menos persoas, e cada vez duraban menos noites. Teño que dicir que me gustaba. Está claro que se non fóra así, non o faría. Supoño que empezamos a convertelo nunha rutina, nun costume. Ata tiñamos gañas de saír fóra do pub para pedir un cigarro a calquera e ter unha conversación sen máis. Usabámolo como medio para relacionarnos. Era unha escusa para saír a que nos dese o aire, e axudaba a que entrase mellor o alcol. Todo parecían vantaxes.

Recordo que todas diciamos que non chegariamos a ser fumadoras activas, que non o necesitariamos, pero é algo que ocorre sen pensar. Empezaban a sobrarnos cigarros das noites de festa, así que, cando quedabamos para tomar algo, tamén empezamos a fumar. “Non moito, só un, de cando en vez, non fai dano a ninguén”. É o pensamento que che leva a engancharte. Porque, aos poucos, xa non é só un e, aos poucos, falo con máis xente, ao principio con xente que fuma, logo, nin sequera. Eu creo que o momento no que fumas só é decisivo para aceptar que si es fumador.

A sociedade actual, por sorte, prevennos de todo o malo e prexudicial do tabaco, unha información descoñecida ou inaccesible hai menos de 50 anos. En moi pouco tempo a sociedade e a ciencia avanzaron moito, de maneira que neste momento temos un gran abano de posibilidades e fontes de información. Se non o queres saber, é porque non queres velo. Nunha persoa que fuma, sexa en maior ou menor cantidade, a propósito das advertencias sanitarias, creo que o pensamento xeral é xustificarse. Pensas que se fose tan malo non o venderían, que ninguén fumaría, que che gusta e “de algo hai que morrer”. E non quito a razón a esas persoas; é un pensamento lóxico. Por que ía o Estado comercializar un produto que me vai a matar lentamente, e vaime a facer dependente? Que sentido tería? Pois ten un sentido moi sinxelo: o diñeiro. Tristemente, a economía é máis forte que os principios, que a moral, que a saúde.

Con todo, considero, coa experiencia de vivilo en propia carne e velo de perto nos meus amigos, que debemos deixar de esperar que veña alguén a dicirnos o malo que é e a prohibírnolo. Somos donos do noso corpo e das nosas decisións. Se fumamos, decidímolo nós. Se o deixamos, tamén.

Durante máis tempo do que me gustaría admitir, eu xustificábame. Dicíame a min mesma que só era cando estaba coas miñas amigas, con xente que fumaba, que son nova e que só se vive unha vez, así que por que non deixarse levar. Craso erro. Foi no momento en que comezaba a fumar soa cando me dei conta de que tiña que parar. Converteuse nun costume. Un mal hábito. Ata tal punto que xa non me daba conta. Xa non era un momento puntual, un contexto concreto. Xa empezaba a apetecerme en calquera compaña, en calquera situación. E aí foi cando eu me din conta de que quería parar. Entendín que non quería que un produto me dominase, que a única que pode ser dona do meu corpo son eu e que só é unha manobra máis que nos venden para evadir a mente e vivir na tensión de sociedade que nos impoñen. Esta é a miña opinión. Esta foi a miña motivación. Cada un necesita a súa. Pero sen dúbida, deixar de fumar mellorou como sinto, por dentro e por fóra.

Raquel González Serrano. Estudante de Tradución e Interpretación.

Cortesía da AEPAP (Asociación Española de Pediatras de Atención Primaria)

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*