“Porque llo debo aos meus mestres”

pedro-feijooA través da bitácora do editor Manuel Bragado coñecemos do discurso do escritor Pedro Feijoo durante a recollida do Premio San Clemente que, por certo, recibiu por segunda ocasión. Nun acto no que tamén recolleron cadanseu premio Javier Cercas e Colm Tóibín, o autor d’ A memoria da choiva reivindicou o papel esencial dos mestres e é por iso que aproveitamos para recomendarmos a lectura deste discurso:

XXI PREMIO ARZOBISPO JUAN DE SAN CLEMENTE
Discurso de aceptación

Non sei se imaxinades a ilusión tan grande que me fai estar hoxe aquí, de novo con vós, recollendo este premio. É moita, moitísima. E por iso quixese darvos as grazas, de todo corazón, principalmente por tres motivos.

O primeiro de todos é porque, como xa sabedes, nun espazo cultural como o noso, onde SI son necesarios os premios literarios, sobre todo polo que teñen de normalizadores e, agora que ninguén nos escoita, porque a todos nos agrada un cariño de vez en cando, este que hoxe nos dades é para min dos máis queridos, precisamente por ser quen sodes o xurado: se o futuro do país vai vir por algures, non será desde logo polas voces dos máis vellos, nin moito menos a través dos berros anoxados dos gardiáns eses da nosa cultura dos que tanto fala a profesora Deneb en A memoria da choiva. Non: o futuro vén sempre da man dos máis novos, e que vós nos fagades o agasallo de compartir un anaco dese futuro con nós supón unha alegría inmensa.

En segundo lugar, gustaríame darvos as grazas pola deferencia de converternos a Javier, a Colm e mais a min nos únicos autores distinguidos en dúas ocasións con este prestixioso galardón. Non sei canto o merecerei eu, pero, no meu caso, ser o primeiro autor galego que se fai dúas veces co San Clemente é… La caña!

Pero, sobre todo, gustaríame darvos as grazas pola compaña en que tivestes a ben poñerme. Por iso, quixera compartir este recoñecemento cos meus compañeiros de quenda: coa miña amiga Anxos Sumai e, moi especialmente, co meu mestre Suso de Toro.

Como xa me escoitastes dicir non poucas veces ao longo destes anos, o camiño que hoxe me trae aquí comeza moito tempo atrás, na descuberta de libros como Polaroid ou Tic Tac. Como a tantos outros rapaces da miña xeración, aqueles que fomos novos alá polos anos oitenta e noventa, Suso de Toro aprendeunos na lectura das súas páxinas que outro xeito de facer literatura galega era posible. Como lector primeiro, e xa como amigo despois, Suso foi sempre un verdadeiro profesor para min. Outra cousa é que eu sexa un bo alumno para el (cousa que dubido moito), pero esa xa é outra historia que agora…

Cóntovos isto para deixar claro que se hoxe estou aquí é porque llelo debo aos meus mestres. Hai outros factores, por suposto: a min en particular resultaríame moi difícil continuar adiante sen o apoio da miña parella, a quen tanto lle teño que agradecer, pola súa axuda, a súa compaña e, sobre todo, a súa paciencia, raiana milagrosamente no infinito.

Pero tamén sei que poucas carreiras arrancan se non hai no seu comezo un bo mestre detrás, unha boa profesora que nos aprenda como vai o choio este do mundo.

E igual vos parece que todo isto que vos conto non son máis que perogrulladas, afirmacións que, de tan evidentes, non veñen ao caso… Pero eu, que son un insensato de manual, atreveríame a xurar que non. Mesmo diría que hoxe comezamos a esquecer a importancia dun bo profesor. Levados polo ruído das reformas, esquecemos poñer en valor a figura do mestre e, agora, visto desde fóra, igual non nos damos conta do duros que foron estes últimos anos para eles, nin do especialmente demoledor que foi o inicio deste curso no que aínda estamos. Un curso no que moitos profesores, desorientados ante a falta de explicacións a cerca de cara onde ían realmente todos estes cambios, forzados a traballar cunha lei máis parecida a un rodillo que a unha verdadeira inquedanza educativa, acabaron instalados no desconcerto. E se nós permitimos que tal cousa siga a suceder, se non saímos en apoio dos nosos mestres, estaremos abríndolle a porta á consagración da burocracia sobre a educación. E esa é a verdadeira traxedia: ningunear os nosos mestres, mesmo volver a convertelos en sospeitosos, nada máis é o primeiro síntoma de algo moito máis grave: o afundimento da noso sistema educativo.

É moito o que lles debemos ás nosas mestras, aos nosos profesores (e aquí gustaríame facer unha lembranza, e enviarlle a aperta máis fonda ao noso queridísimo Agustín Fernández Paz), porque seguen a ser un faro, unha luz forte no medio das tebras.

Pero non son indestrutibles… Por iso é a nosa responsabilidade non abandonalos hoxe no medio deste mar cada vez máis bravo, neste océano furioso de medias verdades e dobres intencións.

Así as cousas, comprendede pois que vos toca a vós un papel importante, protagonista, no traballo de volver poñer en valor a figura do mestre. Seredes vós os encargados de recuperar e defender a súa valía. Porque non sei se vos decatastes deste pequeno detalle, pero o certo é que non foron os cantantes de moda. Non foron os futbolistas nin tampouco os escritores premiados, e a deus grazas que non foi Telecinco: quen vos aprendeu a ler e a escribir foron os voso mestres. Non o esquezades nunca, que nas vosas mans queda.

Moitas grazas

 

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*