Na semana do 24 de febreiro, data destacada no calendario de celebracións da lingua galega por conmemorarse o 179º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer a segunda das actividades que a Consellería de Cultura e Educación porá en marcha en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia no marco da quinta edición do programa ‘FalaRedes’: ‘A viaxe de Rosalía’.
García Gómez deu conta dos detalles deste novo espectáculo pensado para dinamizar a lingua galega entre o público xeral, a partir dos seis anos de idade, acompañado de Larraitz Urruzola, a actriz responsable da peza.
“Nas vésperas do Día de Rosalía, que conmemoraremos o 24 de febreiro, presentamos unha nova actividade para a RDL. Unha proposta pensada para homenaxear desde os concellos a escritora central das nosas letras a través do ‘FalaRedes’, o programa de dinamización lingüística con máis sona no tecido municipal galego”, destacou o secretario xeral, quen rematou sinalando que “esta será a segunda ocasión na que se lle renda tributo a Rosalía e se contribúa a divulgar a súa figura, vida e obra desde a RDL, que xa acolleu en 40 concellos a actividade ‘Rosalía pequeniña’ con motivo do 150º aniversario da publicación de ‘Cantares gallegos’ no 2013”.
‘A viaxe de Rosalía’
‘A viaxe de Rosalía’ é a segunda das actividades en marcha no marco do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes 2016’. A proposta combina as técnicas da narración oral tradicional coa interpretación actoral, uns fermosísimos monicreques de mesa e música para mostrarnos a vida e a personalidade da nosa autora máis universal, Rosalía de Castro.
A cabalo entre o Día de Rosalía e o Día da Internacional Muller bota a andar este coidado espectáculo que nos achega a Rosalía feminista, culta, valente e comprometida que ás veces a súa propia lenda ocultou. É Francisca do Campo, madriña de Rosalía, a personaxe que nos guía a través da traxectoria vital e artística de quen xa é un símbolo da cultura e da lingua galegas.
A peza foi escrita e está dirixida polo coñecido Lucho Penabade e, baixo xestión de Larraitz Producións Artísticas, a actividade de dinamización lingüística chegará a 13 localidades da RDL ata maio de 2016.
De Frades ao Rosal cun total de 13 representacións
O Local Multiúsos do concello coruñés de Frades acollerá o vindeiro 5 de marzo, ás 11:30 horas, a primeira parada do espectáculo. A continuación, a peza viaxará durante os meses de marzo, abril e maio por outros doce concellos, para se despedir no Auditorio Municipal do Rosal cunha función o próximo 7 de maio ás 18:30 horas.
Ata entón, a programación de ‘A Viaxe de Rosalía’ desenvolverase nos concellos de Cerceda, Guitiriz, Mondariz, A Lama, Curtis, Mondoñedo, Padrón, Pontedeume, Ponteareas, Santa Comba e Vilamarín. O calendario completo está xa dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal), nas redes sociais do programa ‘FalaRedes’ e na Axenda de Cultura de Galicia.
Axenda de datas confirmada:
MARZO
Sábado 5: Frades, no Local Multiúsos, ás 11:30 h
Domingo 6: Cerceda, no Auditorio Municipal, ás 18 h
Sábado 12: Guitiriz, na Casa Habanera, ás 18:00 h
Domingo 13: Mondariz, no Auditorio Municipal, ás 18:00 h
Sábado 19: Padrón, no Auditorio Municipal, ás 18:30 h
Domingo 20: A Lama, na Casa do Pobo ás 18:30 h
ABRIL
Sábado 2: Curtis, no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, ás 12:00 h
Domingo 3: Mondoñedo, na Casa da Xuventude, ás 18:30 h
Sábado 9: Pontedeume, na Casa da Cultura, ás 19:00 h
Domingo 10: Ponteareas, no Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, ás 18:00 h
Domingo 17: Santa Comba, no Edificio Multiúsos, ás 18:00 h
Sábado 23: Vilamarín, no Auditorio Municipal, ás 19:00 h
MAIO
Sábado 7: O Rosal, no Auditorio Municipal, ás 18:30 h