“Chíos”, espectáculo para bebés de Teatro da Semente

chios“Chíos”, un espectáculo de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos e as súas familias chega á Coruña esta fin de semana. A montaxe músico-teatral, protagonizada polas actrices da compañía Teatro da Semente Raquel Queizás e Chus Álvarez, estará na Sala Gurugú da Coruña en dobre pase, o sábado 27 ás 18:30 horas e o domingo 28 ás 12:30 horas.

A proposta “Chíos” son 30 minutos de cantigas, bailes, música, poemas visuais, xogos e estimulación olfativa e táctil para os máis pequeniños da casa. Raquel Queizás e Chus Álvarez representan a dúas nenas que espertan para xogar –con animais e cousas e sons e fantasía- e cantan para durmir como quen conta ovelliñas.

Con “Chíos”, os bebés e as súas familias que esta fin de semana se acheguen ata a Sala Gurugú da Coruña poderán descubrir o mundo a través dos sentidos, ver como se transforman obxectos, disfrutar coa música e as palabras, nunha montaxe que exalta a importancia do lúdico e do contacto coa natureza, tan esquecida nestes tempos de xogos de interior e máquinas xordas.

En “Chíos”, dúas nenas xogan nun xardín de madeira onde todo é un bosque de sons e sensacións. Dous paxaros pequeniños chían para descubrir o mundo a través do xogo e das cancións. Chíos son asubíos dos paxaros espertando á mañá, entoando un doces soños á noitiña.

Con esta montaxe, Teatro da Semente intenta introducir nas artes escénicas aos nenos e ás nenas desde 0 anos, demostrando que o teatro non é cousa de adultos. A compañía Teatro da Semente naceu no ano 2012, da man das dúas actrices e contacontos galegas Chus Álvarez e Raquel Queizás. Tras moitos anos traballando actoralmente no ámbito infantil, tanto por separado como xuntas en varias montaxes doutras compañías, en 2012 deciden unirse en prol do xogo, a fantasía e o amor polos nenos e o teatro.

Co seu primeiro espectáculo, “Viaxe a Dadá”, un proxecto de teatro tamén para bebés de 0 a 3 anos, percorreron Galicia; e agora seguen a facelo con “Chíos”.

O prezo das entradas para calquera dos dous pases desta fin de semana na Coruña é de 5 euros. As entradas poden adquirirse directamente na billeteira da Sala antes do espectáculo e tamén se pode facer reserva enviando un mail a  salagurugu@gmail.com ou nos teléfonos 616 701 099 e 881 894 634.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*