Fase final do concurso escolar de recitado poético “Rosalía sempre viva”

rosalia1-aurora-cascudoEste próximo sábado día 27, o auditorio da Casa-Museo Manuel María volverá pór o cartaz de completo nunha das súas actividades culturais. Neste caso o motivo é a celebración da fase final do concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva, dirixido a alumnado galego de todas as etapas do ensino non universitario. O concurso ten como motivo a celebración do “Día de Rosalía”, sinalado para o 24 de febreiro, e chega este ano á súa segunda edición cunha participación que practicamente duplica a do ano anterior. Xustamente este feito foi o que obrigou a realizar esta fase final en sesións de mañá e tarde.

Logo dunha primeira fase desenvolvida nos centros desde os inicios do curso, chegan agora á xornada final deste vindeiro sábado un total de 133 estudantes de centros de ensino de toda Galiza. Este alumnado está organizado en catro categorías diferentes: Categoría 1 (Infantil, 1º e 2º de Primaria), Categoría 2 (3º, 4º, 5º e 6º de Primaria), Categoría 3 (ESO) e Categoría 4 (Bacharelato). A participación é con carácter individual, agás no caso do alumnado da Categoría 1, que recitarán maioritariamente os seus poemas en grupo. Cada participante, ou grupo de participantes no caso das/os máis pequenas/os, recitará un poema de entre toda a obra en galego de Rosalía de Castro ou ben, este ano, un poema de entre toda a extensa obra de Manuel María.

O xurado encargado de avaliar a calidade dos recitados e de decidir os gañadores está composto por Teresa Campo (Directora, actriz e autora teatral), Anxa G. Refoxo e Eduardo Álvarez, profesores de Lingua e Literatura. Terán que valorar aspectos como a naturalidade no recitado, a expresividade, a memorización ou o grao de dificultade do poema escollido. Haberá un premio por cada unha das categorías, ademais das posíbeis mencións honoríficas que poidese conceder o xurado para as/os participantes que considerar oportuno.

A xornada da mañá comezará ás 11, hora na que recitarán as categorías 1 e 2, estando previsto o seu remate ás 13:30 horas. Xa pola tarde, a partir das 16.45, recitarán as categorías 3 e 4, estando previsto o remate ás 19:30 horas.

De xeito complementario ao desenvolvemento dos recitados, tanto o alumnado participante na proba final do concurso como as familias e o profesorado acompañante poderán realizar visitas guiadas á Casa-Museo Manuel María, o espazo natal do escritor ao que se dedican este ano as Letras Galegas e tamén o lugar no que, segundo el mesmo ten relatado, descubriu sendo neno, a través dalgún dos libros de seu pai, os poemas de Rosalía, de cuxa figura o poeta sempre se declarou “un auténtico devoto”.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*