Explícoche Matemáticas 2.0

explicoche-matematicasUn concurso dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo) e a estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Organizado pola Facultade de Matemáticas da USC en colaboración coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, o obxectivo do concurso é promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

BASES DO CONCURSO

1) Participantes.
Alumnado do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo), procedentes de titulacións de Grao ou Máster, que poderán participar de maneira individual ou en grupos de, como máximo, 3 persoas.
Estudantes de 3º e 4º da ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia, en grupos dun máximo de 3 estudantes, coordinados por un profesor/a.

2) Proxecto Explícoche Matemáticas 2.0.
Cada participante ou grupo participante preparará un vídeo de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. A temática e enfoque pode ser máis formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou pode recoller manifestacións diversas da matemática na vida cotiá, de carácter cultural, artístico ou social.
É condición indispensable que a lingua empregada sexa o galego.
Os participantes poderán utilizar calquera recurso multimedia, audiovisual ou artístico para a realización da curtametraxe.
Os traballos presentados, realizados integramente polos participantes, deben ser inéditos e orixinais.

3) Material a presentar.
Os concursantes deberán subir a unha canle de YouTube o vídeo confeccionado e proporcionar unha ligazón válida para a visualización da curtametraxe. Os vídeos deben ter boa calidade tanto visual como de son.
Deberán proporcionar os seguintes datos de contacto:
Categoría na que participa.
Enderezo electrónico e teléfono.
Centro ao que pertence e estudos que realiza, se é o caso.
Un informe en formato Word ou PDF cos seguintes datos:
Título do traballo.
Breve motivación.
Nome e apelidos de cada participante (profesor e alumnos).
Enderezo postal e correo electrónico de contacto.
Teléfono de contacto.
Deberase achegar autorización para o uso da súa imaxe de cada unha das persoas que aparezan no vídeo de cara á exposición pública do vídeo na páxina web da Facultade de Matemáticas, nas páxinas web propiedade da Fundación Barrié e a través das redes sociais
Autorización maiores de idade
Autorización menores de idade

4) Envío.
Os proxectos realizados e documentación asociada (ligazón a YouTube, datos de contacto, informe e autorizacións) deberán remitirse ata o 22 de abril de 2016 inclusive ao correo electrónico zmatdeca@usc.es e ao enderezo:
Decana da Facultade de Matemáticas (Explícoche Matemáticas 2.0)
Campus Vida,s/n
15782-Santiago de Compostela

5) Premios.
O Concurso Explícoche Matemáticas 2.0, constará de 2 categorías:
Categoría A: 2º Ciclo da ESO e Bacharelato.
Categoría B: Universidade.

O xurado que valorará os proxectos presentados estará integrado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, un docente de ensino medio designado pola CNL, un representante do Servizo de Normalización Lingüística da USC e un representante da Fundación Barrié.
Tamén se recoñecerá o vídeo mellor valorado polos internautas. Unha selección dos vídeos participantes serán engadidos á lista de reprodución “Explícoche Matemáticas 2016” na canle de YouTube “Matemáticas USC” e o vídeo que acade maior número de “Me gusta” será o gañador nesta categoría, que se anunciará a través da páxina web da Facultade de Matemáticas.
Os premios serán entregados no mes de maio, co gallo do Día das Letras Galegas.

As bases completas da edición 2016

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*