“Querendo facernos visibles”

endometriose-ies-as-barxasUn vídeo sobre a endometriose realizado por alumnado do IES As Barxas de Moaña.

Marzo é o mes da endometriose e un grupo de Alumnos do IES As Barxas de Moaña decidiron contribuir a difundir a doenza entre os compañeiros e compañeiras.

Para falar dela crearon un vídeo de apenas 3 minutos nos que alertan ás rapazas do que é sufrir endometriose.

1 de cada 10 mulleres en idade fértil ten endometriose. En Galicia 60.000 mulleres padecen algunha forma desta enfermidade para a que non hai unidades especializadas e multidisciplinares en toda Galicia.

O 15% delas teñen formas graves. En Galicia 9.000 mulleres teñen das consideradas severas que lles poden impedir traballar ou estudar con normalidade ou que dificultan ou impiden que poidan ser nais se así o desexan.

Este grupo de 1º de Bacharelato do IES As Barxas, dirixidos pola profesora Luz Beloso, deulle forma a esta idea nun vídeo que alerta da necesidade de que haxa investigación para que poida haber tratamentos axeitados e diagnósticos precoces. Hoxe a media do atraso diagnóstico está en 8 anos dende a primeira consulta. Neses oitos anos a muller soporta infinitas horas de dor e a doenza avanza sen que ninguén lle poña freo.

O vídeo podedes consultalo aquí:

Subliñan desde a asociación ‘querENDO – Mulleres con endometriose’, que o traballo deste grupo de alumnos “é sinxelamente precioso; precioso pola iniciativa, precioso pola idea, precioso pola execución, precioso porque pode ser moi útil para que as rapazas máis novas tomen conciencia da existencia desta doenza, acudan ao xinecólogo e non soporten dores durante anos”.

 

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*