Historia da Literatura Galega en versión dixital

historia-literatura-galegaA AS-PG pon na rede a súa completa enciclopedia literaria.

A Historia da Literatura Galega é unha enciclopedia completa sobre a arte literaria feita na Galiza e en galego. Coñecela é coñecer o país que lle deu vida. A AS-PG presenta agora en versión dixital, e da man de especialistas indiscutíbeis, unha obra para coñecermos o mellor que escribiron as galegas e os galegos que nos precederon ou que, afortunadamente, aínda conviven connosco.

Así o contan na súa web:

O Proxecto

O proxecto comezou hai dous anos. Partía da exitosa experiencia que durante 50 semanas, en entregas quincenais, mantivera nos quiosques un fascículo e un libro. Actualizar e reeditar en papel non parecía unha opción adecuada. Así que optamos por facer todo de novo, en formato nativo dixital, con outra estrutura e outros obxectivos. Preparouse a ferramenta informática para a xestión dos contidos. Introducíronse os contidos. 1600 páxinas de texto que recollen a Historia da Literatura Galega. Mais as posibilidades que ofrece o mundo dixital obrigaron a abrir novos apartados, así como a prever a incorporación de elementos multimedia e as diferentes posibilidades de lectura que ofrecen os dispositivos actuais, sexan teléfonos móbiles ou tabletas.

Ler sen conexión a internet

Poder usar os textos sen necesidade de conexión a internet foi unha das preocupacións da AS-PG. Para iso preparamos programas de lectura específicos que permiten que un usuario poida ter sempre consigo os textos que desexe ler sen necesidade de os descargar ou ter conexión a internet. Esta posibilidade vai unida á abertura dunha tenda de distribución onde, ademais da propia historia que agora editamos, pretendemos distribuír boa parte da literatura galega. Antes foi o libro en papel que acompañou os fascículos, agora será o libro dixital o que ocupe ese lugar.

Estrutura

A HLG estrutúrase, dunha parte, en torno a un menú de contidos que fan referencia ás diferentes etapas da literatura galega, da idade media á actualidade e doutra a autores, obras, organismos, publicacións, eventos e movementos.

O acceso á obra é completamente libre para a lectura de etapas, autores e obras e libre mediante rexistro para o resto das entradas. Esta opción non está aínda habilitada. Cada ficha de obra recollerá un fragmento desa obra, a modo de exemplo e tamén aparecerán na tenda, para compra ou consulta, todas as obras de que sexa posíbel dispoñer. Esta parte, xunto coa actualización dos textos e autores dos últimos anos, será o proxecto a desenvolver nestes dous próximos anos

Multimedia

Desde a obra haberá acceso tamén a material multimedia de xeito que será posíbel completar a aproximación a obras e/ou autoras e autores con vídeo, animación ou música. Tamén estará ligada cos xogos que a as-pg desenvolveu e, a máis longo prazo cun dicionario no que estamos traballando.

Accesible en: http://literaturagalega.as-pg.gal/
A enciclopedia da Historia da Literatura Galega da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Non derivadas 4.0 Internacional.

 

 

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*