‘No bico un cantar’ xuntará medio milleiro de rapaces e rapazas en Cangas en homenaxe aos trobadores

no-bico-un-cantarSerá o 3 de xuño nunha actividade que porá en valor a formación musical dos conservatorios profesionais de música (ás 17h30 no adro da Igrexa de Santiago).

Foron xa tres exitosas edicións desta iniciativa, onde en anos sucesivos se homenaxeou a Rosalía de Castro, a Curros Enríquez e a Ramón Cabanillas. E a unión de música e poesía volverá un ano máis con este ‘No bico un cantar’. E se Santiago, Celanova e Cambados acolleron as edicións anteriores, nesta ocasión o proxecto viaxa ata Cangas para centrarse na tradición trobadoresca.

Aló estará alumnado dos conservatorios conservatorios profesionais de música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, baixo a dirección de Maximino Zumalave e co acompañamento do quinteto de metais ‘Hércules Brass’. Os músicos interpretarán un total de cinco pezas. Entre elas haberá unha de estrea, a cantiga ‘Pois nosas madres’, da autoría de Pero Viviaez e con música de Rogelio Groba para coro infantil e sexteto de metal encargada para a ocasión. O resto de pezas serán ‘Canción do mariñeiro’, da autoría de Lourenço e con música de Héctor Villa-Lobos; ‘Quanto sabedes amar-Ondas do mar de Vigo’, con texto e música de Martín Códax; e ‘Rosa das Rosas’, da que é autor e compositor Alfonso X O Sabio. Tamén ‘Maio longo’, de Rosalía de Castro, con música de José Baldomir. Agás no caso da peza que se estrea, o compositor Juan Durán foi o encargado de facer as versións e arranxos pertinentes nas partituras. Así mesmo, os textos foron revisados por Henrique Monteagudo.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*