Manuel María, estrela de rock and roll

amplifier-700445_960_720Pasou o mes de maio e axiña pasará tamén esta primavera de 2016, mais dende aquí queremos seguir lembrando ao autor ao que se lle dedican este ano as Letras Galegas. O Manuel María literario…pero tamén a estrela de rock and roll que foi para as xeracións máis novas. Oístes ben. Recuperamos un pequeno texto que publicou no seu blog hai algunhas semanas a poeta Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988)

Rock & roll

Como a unha estrela de rock and roll, así admiraba de nena a Manuel María, luceiro na fronte da liberdade. Os soños na gaiola ilumináranme de tal xeito que fiquei para sempre presa da poesía. Por iso o exemplar que me asinou o autor é o cantar máis brillante da miña biblioteca voadora.

No aire quedei cando vin ao poeta en persoa nunha Muxía de 1995. Eu portaba o meu libro preferido, un bolígrafo e a ilusión infinda que cabe nas cativas de sete anos. El colleume no colo e preguntoume: “sabes quen son os sete guerreiros que viven no ceo e a ninguén fan mal?”. Claro! “O arco da vella (…) / co seu colorín / co seu colorado”. Lérao cen veces, dixéranmo na escola, escoitárao na voz de Vaamonde. Pero que mo contara o propio Manuel María, como un segredo máxico, fíxome descubrir, por vez primeira, o misterio que podían encerrar os versos. Só entón entendín o significado da literatura.

Cinco anos máis tarde a A. C. Lumieira de Carballo publicou un inédito do autor e invitáronme a tocar o acordeón no acto de presentación. Poesía era acompañar musicalmente a quen para min fora tan admirado como unha estrela do rock and roll. Longa vida aos luceiros que nos guían!

Powered by WPeMatico

COMPARTIR