Quero Cantar! Chega a gran final!

Cinco grupos compiten polo primeiro premio. A gala este martes ás 18:00 horas no Teatro Colón da Coruña.

Velaquí as pezas finalistas :
1. Leila Santos:

Leila Santos é unha nena do Porto do Son que ten 9 anos e que se presentou ao Quero Cantar coa rumba ‘A árbore tropical’, da que ela mesma fixo a letra. Acompáñana o pai e os compañeiros deste no grupo de rumba Os mordecáns.

2. Colexio Manuela Rial Mouzo:

O Manuela Rial Mouzo é un cole de Cee que ten gran tradición musical. Animados polo mestre de música José Carbia preparon o tema ‘Soños’ para o Quero Cantar.

3. Colaxe:

Colaxe é un grupo formado na vila de Laxe por catro compoñentes e que ten unha salientable vocación didáctica xa que adoitan facer actuacións para público familiar nos que a interactuación cos asistentes cobra sempre un papel especial. O guitarrista, Fernando, compuxo o arrolo ‘Durme, Elsiña’ para lle cantar á súa filla Elsa cando esta era pequena. Agora Elsa ten sete anos e é ela mesma quen o interpreta para presentarse ao Quero Cantar.

4. Xente Miúda de San Orente:

Este grupo está formado por alumnado de música e baile tradicional da asociación Xente de San Orente, na Serra de Outes. Acompáñaos ao acordeón o seu mestre Gustavo Couto. Para a letra escolleron o poema ‘Escola’ de Manuel María.

5. Banda Batuke do Colexio Fillas de Xesús, da Coruña:

Dez nenas e nenos deste colexio, guiados pola súa mestra de música, Elisa Alcalde, compuxeron letra e música da canción ‘Samaín’, que interpretan a ritmo de batukada cunhas percusións construídas a partir de obxectos de reciclaxe.

O Teatro Colón acolle a final

Cinco bandas de música infantil optan así ao primeiro premio do concurso da Deputación da Coruña Quero Cantar, que celebra este ano a súa primeira edición. A responsábel das áreas de Cultura e Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín, agarda que o concurso “serva para incentivar a creación musical en galego e acompañe ao bo momento da música para o público infantil”.

Os cinco grupos chegan á cita do Colón, o martes ás 18.00 horas , logo de superaren dúas fases previas para as que foran inicialmente admitidas 17 propostas. Nun primeiro momento foi un xurado formado por artistas profesionais quen seleccionou 10 delas e, posteriormente, o público puido votar a través das redes sociais para escoller os cinco nomes que o próximo martes han interpretar en directo os seus temas. Estes nomes son os da Banda Batuke, do colexio das xesuitinas da Coruña, Leila Santos, Colaxe, Xente Miúda de San Orente e o grupo do Colexio Manuela Rial Mouzo de Cee.

quero-cantar-galA gala ha estar conducida pola actriz coruñesa Isabel Risco e contará coa participación como artistas convidados de Pablo Díaz e Tic-tac-toc, un dos referentes na actualidade do panorama da música infantil galega.

Nesta final a responsabilidade de elixir o grupo e a canción vencedora absoluta do certame vai recaer nun xurado formado por cinco nenas e nenos, todos eles de diferentes etapas de educación primaria e con formación musical acreditada, que foron propostos para esta función por mestras e mestres de diferentes colexios coruñeses.

Con todo, desde a organización saliéntase que máis ca unha final o que se pretende é que a gala sexa toda unha festa. Desde a Deputación valórase que o obxectivo fundamental do concurso logrouse desde o mesmo momento en que todas a cada unha das rapazas e os rapaces que participaron, axudados por mestres e mestras e tamén pais e nais, se meteron de cheo no proceso de creación das cancións. A vicepresidenta e responsábel das áreas de Normalización e Cultura destaca que “as distintas etapas do concurso fixeron que nenos e nenas se divertiran e aprenderan. O concurso serviu xapara que as crianzas crearan tocara e cantaran na nosa língua e iso é xa un obxectivo cumprido”.

Máis información na www.querocantar.gal

Recollida de entradas na billeteira o propio martes 28, o horario pola mañá é a partir das 12 e pola tarde de 17.00 a 18.00.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*