Escolas de Vedra e Monforte levan os premios do X Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

premios-anton-fraguasO certame é iniciativa da Fundación do polígrafo e galeguista que, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca favorecer o achegamento dos escolares ao patrimonio cultural e lingüístico galego.

O CPI Plurilingüe de Vedra e o IES A Pinguela de Monforte foron os centros educativos galardoados cos premios deste X Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas.

No primeiro caso, co proxecto “Vedr@ medra, unha aposta polo patrimonio inmaterial como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego” e no segundo co traballo “Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá”.

O proxecto do CPI Plurilingüe de Vedra consegue, a xuízo do xurado, non só implicar a comunidade educativa senón tamén distintos axentes sociais e culturais co fin de darlle valor á riqueza lendaria e sobre todo toponímica das parroquias e contorna do Concello de Vedra. Así mesmo, a esta proposta recoñéceselle o feito de estar inscrita no Programa Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais o de contemplar a participación do alumnado dos tres ciclos educativos que se imparten no centro: infantil, primaria e secundaria obrigatoria.

Pola súa banda, o proxecto do IES A Pinguela presenta a novidade de poñer o acento na recollida das manifestacións plásticas na arqueoloxía e na arquitectura tradicional, así como a de procurar a súa proxección cara ao futuro con novas experiencias artísticas.

Próximas exposicións no Museo do Pobo
Os premios están dotados con 7.000 euros cada un que se destinarán a materializar os proxectos gañadores durante o vindeiro curso escolar 2016-2017 en colaboración co Museo do Pobo Galego, que acollerá as dúas exposicións resultantes do traballo desenvolto ao longo do próximo ano académico.

Os galardóns foron entregados precisamente nun acto no propio Museo do Pobo, polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Durante a súa intervención, Valentín García incidiu na importancia do estudo da toponimia, que se aborda, a canda outros contidos, en ambos os dous proxectos premiados e lembrou “a urxencia de recoller a nosa microtoponimia, parte relevante do patrimonio inmaterial galego” e “a importancia do voluntariado cultural neste labor, da participación de colexios, asociacións e particulares”, que a Xunta de Galicia vai facilitar mediante unha aplicación que estará dispoñible na nova web toponimia.xunta.gal.

O titular de Política Lingüística estivo acompañado polo presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi González; polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo; e mais pola concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*