Convivio da Cultura Galega

Este sábado 9 en Outeiro de Rei xornada festiva ao pé do Miño na procura de afortalar o movemento asociativo cultural galego, “aprenderen as unhas das experiencias das outras” e tecer propostas de traballo conxuntas.

convivio-cultura-galegaA vila natal de Manuel María, o escritor homenaxeado este ano coas Letras Galegas, acolle esta cita por terceiro ano consecutivo. A iniciativa foi organizada pola Casa-Museo Manuel María, a federación Galiza Cultura de entidades culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, coa colaboración da área de Cultura da Deputación de Lugo e, nesta ocasión tamén, do Concello de Rianxo.

Como nas edicións precedentes, un amplo e diverso programa de actividades irase desenvolvendo desde as 11 da mañá, cando as bandas de música Sons e Soños de Rábade-Begonte-Outeiro, a Xuvenil da Escola Municipal de Música de Rianxo e a da Asociación Solfa de Compostela reciban as persoas asistentes na horta de Manuel María, o espazo da casa natal que el máis amaba.

Intercambio de experiencias

Ao nacer o Convivio da Cultura Galega como unha xornada de encontro de todo o asociacionismo cultural galego de base tamén terá lugar na mesma Carballeira, como nos anos anteriores, unha xuntanza das representacións das directivas dos colectivos culturais presentes, aberto en todo caso a quen se quixer sumar a ela. O seu obxectivo é intercambiar experiencias e ideas para afortalar o movemento cultural galego de base e tecer propostas que dean na celebración de iniciativas conxuntas. Esta reunión terá lugar ás 16.30 horas.

A tarde do Convivio estará reservada de novo para a música: unha ducia de grupos musicais, de estilos que van do tradicional e o folc ao rock, irán pasando polo escenario. Xurxo Souto será quen anime unha tarde de troula na que, por suposto, non faltará a música feita cos versos de Manuel María, da man de Fran Amil e a tribo incomprensíbel con temas do disco A voz do vento.

A voz cálida e sensibilidade máxica de Uxía porán o ramo á xornada festiva cos temas do seu disco Uxía canta a Manuel María. O concerto que fecha o Convivio, previsto para as 19.15 horas, ten o valor engadido de se celebrar nun espazo único: lugar onde as augas do Ladra dan nos do Río Miño, espazo de festas, xogos, descubertas poéticas e traballos labregos do Manuel María neno e mozo, tan presente sempre na súa vida e na súa obra.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*