Solicitan a anulación do expediente sancionador que a institución abriu despois da concentración contra os comentarios machistas dun docente.
Dende hai meses é de actualidade o conflito acontecido nun aula da Universidade de Santiago logo dos comentarios dun docente que o alumnado cualificou de “machistas” e non dubidou en denunciar diante dos organismos correspondentes da institución.
Co nome de ‘Teteiros Ceives’, un grupo de alumnado do Máster en Igualdade, Xénero e Educación levou a cabo unha protesta o pasado mes de marzo, ensinando os suxeitadores como xeito de reivindicación diante das declaracións do citado profesor da institución compostelá. Agora, e despois de que o alumnado participante recibise a notificación da apertura dun expediente disciplinario contra eles por parte da USC, o alumnado afectado presenta as súas alegacións no Rexistro Xeral da USC.
No documento, adxunto a esta información, pídese que se declare a nulidade do expediente sancionador que se impugna por vulnerar o art 24 da constitución española por xerar indefensión e por vulnerar o dereito a un procedemento coas debidas garantías. Tamén por falta de motivación das resolucións administrativas causantes de indefensión e por vulneración das garantías procesuais.
Tamén se solicita que se lle dea parte á Fiscalía que corresponda, por parte da Universidade de Santiago, dos feitos denunciados no escrito adxunto que terían sido protagonizados polo docente e do expediente sancionador aberto contra del a fin de que se depuren as posibles responsabilidades penais en que puidera ter incurrido pola posible comisión dun delicto do 173 do Código Penal e/ou dun delicto de odio prevido e penado no artigo 510 do mesmo texto legal por apoloxía da violencia contra as mulleres.
O Recurso alegacións expediente disciplinario prensa, inclúe transcricións de intervencións en prensa do docente denunciado polo alumnado (.pdf)
O alumnado afectado mantén un grupo en Facebook co nome ‘Eu tamén son teteiro ceive’