Rio 2016: Oportunidades para aprender cos Xogos Paralímpicos

Algúns obxectivos para lembrar e materiais a usar.

Os Xogos Olímpicos medraron ata a época actual como evento que transcende o deportivo, como fenómeno de masas ás veces preso de intereses diversos e cita arredor da que é inevitable considerar as diversas implicacións económicas que xera hoxe en día o universo olímpico.

Todo isto fai que a miúdo nos esquezamos de que o propio Pierre de Coubertin, a figura responsable da recuperación das Olimpíadas na época moderna, foi non só historiador senón tamén pedagogo. Así é, o barón de Coubertin, para quen seu pai deseñara un futuro militar, tiña proxectos e ideais diferentes e foi o ámbito da pedagoxía o que lle permitiu responder ás súas verdadeiras aspiracións.

Inauguración en Copacabana da escultura dos tres Agitos (Foto: Alex Ferro/Rio 2016)
Inauguración en Copacabana da escultura dos tres Agitos (Foto: Alex Ferro/Rio 2016)

A moitos resulta estraño pero non debería ser así no ámbito educativo, que os Xogos Modernos xurdiran de feito como un proxecto con profundas implicacións educativas. E foi a partir das conviccións de pioneiros que, a finais do século XIX, comezaron a reflexionar sobre a importancia da educación física para un desenvolvemento integral do ser humano, e acerca das actitudes e valores positivos capaces de activarse arredor da práctica deportiva.

Espíritu Olímpico=Espíritu Paralímpico

“Cando pensan en Río, moitos pensan no Corcovado, o Pan de Azucre e a bela xente na praia de Copacabana. Aquí nós temos a algunha desa xente fermosa”, comentaba Philip Craven, presidente do Comité Paralímpico Internacional, durante a presentación da escultura dos tres Agitos, o símbolo dos Xogos Paralímpicos, referíndose aos convidados a acompañalo nesa cita: alumnado do Instituto Benjamin Constant, institución dedicada a integrar educativamente a mozas e mozos con deficiencias visuais.

Esta obra, bautizada a partir da palabra latina ‘Agito’, ‘Móvome’, móstranos tres medias lúas asimétricas elaboradas con plástico reciclado que representan o encontro de atletas de todo o mundo para esta cita olímpica. Un ingrediente máis no esforzo por empapar os Xogos de compromiso social. E é que a miúdo, o país que acolle cada catro anos os Xogos é, evidentemente, o que máis se esforza en apelar aos valores olímpicos e conectalos coa súa comunidade educativa.

‘Transforma’, ideas olímpicas para a escola

Desde hai meses, alumnado brasileiro participa en actividades diversas, a nivel de aula ou a través de diversos festivais, que percorreron desde os barrios máis prósperos ata as propias favelas. Iniciativas na procura de fomentar o protagonismo do deporte na educación e o fomento de estilos de vida máis activos. O programa ‘Transforma’ tamén conseguiu que, o desinterese que a cidadanía brasileira parecía estar a mostrar por estas Paralimpiadas, teña nas bancadas dos estadios o contraste de miles de escolares animando os heroes paralímpicos.

Doutra banda, a web oficial de Río 2016 proporciona materiais diversos, moitos en portugués e outros tamén en español e inglés, para o traballo arredor da práctica deportiva e os valores Olímpicos e Paralímpicos, baixo conviccións como as daquel ideal olímpico orixinal que, entre outras frases olímpicas, pode citarse baixo a expresión, “o esencial non é vencer, senón loitar ben” ou “o importante é participar”. Ideas que indican que, con toda seguridade, o deporte pode fomentar valores que inflúan positivamente no alumnado, nas aulas e fóra das aulas. Xogar limpo, esforzarse, colaborar co equipo…

Exemplo de materiais:

Valores educacionais do olimpismo

Guía Escolar Paralimpiadas

Pegada de carbono

Algunhas estrelas dos Xogos Paralímpicos 2016

É moi inxusto destacar a atletas en particular, xa que detrás de cada un dos participantes nestes Xogos Paralímpicos hai unha extraordinaria historia de superación e capacidade. Todos son estrelas xa de saída, pero aproveitamos para falarche dalgúns en concreto:

De entre os galegos falámosche por exemplo do veterán Chano Rodríguez, quen perto de cumprir sesenta anos chega ás súas quintas Olimpíadas para competir desta vez en 50 e 100 metros libre e nos 200 estilos. Ou Martín de la Puente, quen con só dezasete anos é unha gran promesa do tenis en silla. A triatleta Susana Rodríguez Gacio e o tirador con arco Guillermo Rodríguez son outros importantes representantes da expedición galega en Río 2016. Outros galegos en Río serán José Manuel Prado, César Neira, Gustavo Nieves, David Mouriz e Agustín Alejos.

 

Daniel Dias na piscina / Imaxe da súa conta de Instagram oficial
Daniel Dias na piscina / Imaxe da súa conta de Instagram oficial

Daniel Dias
Promete ser probablemente tan espectacular como Phelps hai apenas unhas semanas. Entre Pequín e Londres, este brasileiro sumou 10 ouros e media ducia de récords mundiais na piscina. Foi distinguido en dúas ocasións co premio Laureus, oficiosos Óscar do deporte.

Teresa Perales

Unha neuropatía provocou que con 19 anos perdese a mobilidade nas súas pernas. Demostrou o seu esforzo e afán de superación desde entón tamén cos seus éxitos deportivos. As de Río serán as súas quintas olimpíadas e suma xa 22 medallas nos xogos anteriores.

Tatyana McFadden

Tamén gañadora do Premio Laureus, esta atleta participou xa en catro Olimpíadas anteriormente. Exemplo de que estamos ante unha deportista absolutamente fóra de serie é que foi capaz de subir ao podio tanto nuns Xogos de verán, polos seus logros na pista de atletismo, como uns Xogos de inverno, pola súa capacidade no esquí nórdico. Estar paralizada de cintura para abaixo debido a nacer con espiña bífida non lle impediu outra espectacular xesta: gañar catro grandes maratóns nun mesmo ano, foi en 2013, cando subiu ao podio en Londres, Nova York, Chicago e Boston.

Matt Stutzman

Este tirador con arco aspira a mellorar a súa prata de fai catro anos en Londres. O sorprendente, é que esa medalla foi conseguida disparando o arco cos seus pés, xa que Stutzman naceu sen brazos. Este deportista ostenta de feito, coa súa espectacular técnica, o Récord Guinnes en distancia de tiro con arco, logo de facer diana a unha distancia de 283,40 metros do branco.

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*