Almanaque das Irmandades

Peneira de anécdotas, feitos e persoas elaborado pola Asociación SocioPedagóxica Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.

almanaque-irmandades-da-falaTal día como hoxe 14 de setembro que escribimos estas liñas nacía en Ourense, fará 120 anos en 2017, o escritor e xornalista Eduardo Blanco Amor. E ao longo da semana, faranse anos tamén do nacemento de Curros Enríquez, Xulián Manuel Magariños ou José Suárez Duque.

Son datos que podemos atopar no “Almanaque das Irmandades”, elaborado pola Asociación SocioPedagóxica Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Se debullamos o calendario deste mes de setembro podemos atopar tamén por exemplo que un 18 de setembro de 1933 o IX Congreso das Minorías Nacionais de Europa celebrado en Berna recoñecía Galicia como nación, que un 19 de setembro de 1815 Porlier proclamaba na Coruña a Constitución de 1812 ou que un 24 de setembro de 1921 se celebraba en Bos Aires o Congreso constituínte da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, na sede da sociedade de Moraña e coa participación de 11 sociedades galegas. E pecharemos o mes recordando que o 30 de setembro de 1906 se inauguraba oficialmente, no salón da coruñesa Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, a Real Academia Galega, que baixo a presidencia de Murguía iniciaba unha intensa actividade con actos culturais en todo o país e acordaba as bases para a elaboración do dicionario, que empeza a ser publicado por entregas entre 1912 e 1928.

“Galiza conta con almanaques desde hai dous séculos. Mais nunca houbo un Almanaque das Irmandades, das Irmandades da Fala”, cóntannos os promotores do proxecto, “Agora xa o hai. Mais o que ves é só o comezo. Para o completar necesitamos axuda, moita axuda ou aínda mellor moitas axudas”. O Almanaque das Irmandades inclúe un formulario a través do que colaborar no proxecto.

COMPARTIR

Deixar un comentario

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduza o seu nome aquí

*