Daniel Asorey gaña o Premio Repsol coa novela ‘Nordeste’

asorey_phixrDaniel Asorey Vidal (Santiago, 1970) entra pola porta grande con ‘Nordeste’. A novela logrou o aplauso do xurado do Premio de Narrativa Breve Repsol, un dos galardóns de referencia do noso sistema literario. No seu ditame, o tribunal destacou de Nordeste: “a habelencia para recrear dous mundos en interconexión como son o do épico sertão brasileiro e unha república galega imaxinaria, amais do sobresaliente acabado estilístico das páxinas que conforman a peza, inzadas de poderosas imaxes e de fascinantes símbolos”.

Á décima edición do Repsol de Narrativa, convocado pola empresa petroquímica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentáronse 38 obras. O xurado integrárono o investigador e crítico literario Armando Requeixo, a profesora e escritora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, o escritor e académico da lingua galega Euloxio R. Ruibal, o director editorial de Galaxia Carlos Lema e o escritor gañador da pasada edición, Marcos S. Calveiro.

Asorey, profesor de lingua e literatura no ensino secundario, recibirá un premio en metálico de 12.000 euros. A editorial Galaxia encargarase de editar a novela, que chegará nos vindeiros meses ás librarías.

Powered by WPeMatico

COMPARTIR